A vosa pandemia, a nosa unión

 A situación actual ten grandes repercusións nas nosas vidas e na nosa educación. A suspensión das aulas presenciais e o estado de confinamento levan consigo multitude de problemas e dificultades ás que debemos facer fronte. Durante este período dende Erguer continuamos a traballar para defender os dereitos das estudantes galegas

Dificultades coa docencia telemática, falta de recursos, escasa información e incerteza ante posibles cambios… É o que experimentamos a diario as estudantes., Así, iniciamos esta campaña para traballar tanto no traslado e na difusión de información de interese para as estudantes, como na busca de solucións ante as diferentes problemáticas que enfronta o estudantado

Durante este período, mantemos contacto con diferentes organismos e institucións para trasladarlles as preocupacións do estudantado, así como propostas que garantan que non nos vexamos prexudicadas por esta situación

Entendemos que é fundamental que se escoite a nosa voz e a dos demais axentes implicados no ámbito educativo (profesorado, familias etc) para formular as solucións precisas ante a crise que atravesamos. 

Estamos á vosa disposición para calquera problema, dúbida ou suxestión que teñades. Procuraremos darlle solución ou trasladala aos organismos oportunos. Neste sentido, ademais do contacto a través das nosas redes sociais, habilitamos tamén o seguinte formulario para que nos expliquedes cales son os vosos problemas: https://forms.gle/ebswyrV7AHdHVxxP7

Ás distintas institucións educativas queremos trasladar as seguintes reivindicacións e propostas:

  1. Información sobre calendario e a actividade académica
  2. Adaptación e mellora da docencia telemática
  3. Certeza ao respecto do calendario e modificacións oportunas nas probas de ABAU
  4. Bolsas e axudas que permitan ao estudantado facer fronte aos efectos da crise sanitaria
  5. Medidas precisas que garantan a realización das prácticas e a obtención do título de FP
  6. Abano de propostas que faciliten a realización das prácticas ao alumnado universitario
  7. Modificacións no prazo de presentación de TFG e TFM

  • Información sobre calendario e a actividade académica

Unha das nosas maiores preocupacións estes días é saber que vai acontecer co calendario académico. Malia que de momento non se formulou ningunha modificación deste, entendemos que isto pode ocorrer dependendo do que se alongue o período de confinamento. Neste sentido esiximos que as decisións que se tomen ao respecto non prexudiquen ao estudantado galego e que se nos informe en todo momento con claridade.

Ademais entendemos que, atendendo en todo momento á evolución da crise e ás diferentes medidas que se leven a cabo no ámbito educativo, deben realizarse as modificacións precisas tanto na reestruturación de contidos como no sistema de avaliación. 

Tamén demandamos que se fagan as modificacións oportunas no que respecta aos prazos de admisión nos distintos niveis educativos, para que ningunha estudante quede atrás a causa desta situación (acceso a ciclos, graos e mestrados).

  • Adaptación e mellora da docencia telemática

As aulas telemáticas formuladas como alternativa ás aulas presenciais tamén levan consigo diversos problemas. En primeiro lugar, consideramos indispensábel que os centros educativos proporcionen maior información ao alumnado respecto á planificación do horarios, calendario e modificacións que poida haber derivadas da situación actual.

Ademais, a docencia telemática debe aplicarse de xeito que se garanta o acceso a todo o alumnado. Somos moitas as estudantes galegas que non contamos cos recursos suficientes ou carecemos dunha conexión a Internet estables. Por iso pedimos que se habiliten wi-fi públicas ou axudas que garanten a conexión do alumnado.

  Tamén cremos necesario que as distintas plataformas habilitadas para a docencia telématica faciliten o traballo asíncrono con video-leccións gravadas, materiais didácticos descargábeis, tarefas … Pois non todo o alumnado ten opción de conectarse de forma síncrona (por conciliación, problemas de conexión, etc.). No caso de manter aulas por videoconferencia tamén pedimos que na medida do posible se respecten os horarios establecidos, para evitar o solapamento de materias, a non ser que entre o alumnado e o profesorado se acorde un cambio no horario.

Agradecemos enormemente ao profesorado e as institucións educativas a labor que están levando a cabo para garantir a nosa docencia. Porén, tamén existen materias das que aínda non recibimos información ou que nos solicitan traballos que non podemos levar a cabo durante este período por non ter acceso a fontes bibliográficas. Por iso pedimos maior comunicación e compresión por parte do profesorado, que debe entender que o noso rendemento académico non é o mesmo nestas circunstancias excepcionais e que estar na casa non implica que esteamos en disposición de afrontar unha carga de traballo desproporcionada.

  • Certeza ao respecto do calendario e modificacións oportunas nas probas de ABAU 

Coñecer o novo calendario establecido para a realización das probas (entre o 22 de xuño e o 10 de xullo) só despexa en parte a preocupación e presión a que se ven sometidas estes días as estudantes de 2º de bacharelato. Por iso demandamos que se fixe canto antes a data das probas na Galiza así como uns criterios claros e xustos ao respecto do modelo de exame e os contidos das probas.

Entendemos que nesta situación unha redución sen máis do temario non sería equitativa, polo que se debe establecer un modelo de exame que garante que o alumnado sexa examinado dos contidos vistos en clase. Neste sentido pedimos unha maior opcionabilidade no modelo de exame, con contidos diferenciados segundo a opción que se complementen. Así, o alumnado que se examine terá garantido escoller unha opción que non o prexudique.

  • Bolsas e axudas que permitan ao estudantado facer fronte aos efectos da crise sanitaria

Consideramos indispensábel que se habiliten axudas para que o estudantado poidamos facer fronte aos efectos da crise e o confinamento e continuar os nosos estudos. Agora mesmo sufrimos a  falta de recursos, dificultades de conexión (nomeadamente no rural) para seguir a docencia telemática… Algunhas perdemos o noso traballo ou mesmo estamos pagando o aluguer dun piso baleiro e é posible que teñamos que prolongar a estadía no lugar onde estudamos se o curso académico se modifica. Tamén precisariamos destas axudas se a imposibilidade de facer as prácticas agora nos leva a facelas durante o verán (cos consecuentes gastos de desprazamento, vivenda etc.). Ademais, é  preciso que estas axudas estean adaptadas á realidade galega.

  • Medidas precisas que garantan a realización das prácticas e a obtención do título de FP

Entendemos que é necesario que se desenvolvan máis amplamente as medidas adoptadas para garantir que o alumnado de FP poida finalizar o curso académico e obter o seu título, así como que se nos informe destas claramente. Agora mesmo somos moitas as estudantes que vivimos con incerteza esta situación e que non sabemos como imos poder facer as nosas prácticas. Demandamos que se traballe baixo uns criterios claros e que non prexudiquen ao estudantado.

  • Abano de propostas que faciliten a realización das prácticas ao alumnado universitario

Cando se fala de continuar co curso académico con normalidade isto supón diversos problemas e dificultades específicas para a realización das prácticas. Entendemos que propostas como a súa convalidación tamén pode penalizar ao alumando e que unha solución única non é a mais acaída, senón que debe formularse un abano de posibilidades que se adapten ás diversas situacións das estudantes. Entre elas a suspensión das prácticas que non sexan obrigatorias e modificación da matrícula, a posibilidade de realizalas no verán ou avaliar as prácticas a partir da memoria elaborada segundo o tempo cursado.

  • Modificacións no prazo de presentación de TFG e TFM

Neste momentos afrontamos dificultades de acceso a bibliografía, na realización de ensaios ou traballo de campo ou mesmo a imposibilidade de finalizar as prácticas externas. As estudantes nesta situación demandamos máis información e unha adaptación dos prazos de presentación e defensa de TFG e TFM. Consideramos necesario formular unha solución que ofreza distintas posibilidades que se adapten ás diversas situacións nas que se encontren as estudantes, para que estas poidan optar polas que menos condicionen a súa actividade académica. Ademais pedimos a posibilidade de presentar os TFM e FFG sen ter superado o período de prácticas.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *