Contra os recortes en Educación!

Dende Erguer, Estudantes da Galiza, denunciamos a situación comunicada polos pais duns cativos escolarizados no CPPI do Dices, do Concello de Rois, da negativa por parte da Consellería de Educación para proveer dos apoios de profesorado especialista e coidador contemplados polas leis educativas e as leis que salvagardan os dereitos das persoas con diversidade funcional, necesarios para este alumnado.

Esta situación de incumplimento reiterado das garantías legais mínimas que permiten unha plena inclusión de alumnado con diversidade funcional, vense dando en moitos centros educativos de Galiza que escolarizan nenos con necesidades educativas especiais. Concretamentamente no CPPI de Rois, están escolarizados varios alumnos que precisan apoio de coidador, especialistas en Audición e Linguaxe e profesorado de Pedagoxía Terapeútica.

A situación vense dando dende inicios do curso escolar, onde a pesar dos informes de diferentes especialistas da Sanidade Pública, da Universidade e incluso o Equipo de Orientación Específico provincial da propia Consellería, esta négase a incorporar os medios humáns precisos para garantir unha escolarización dos cativos en igualdade de oportunidades ca o outro alumnado.

Os pais denunciantes, realizaron varios escritos dirixidos á Inspección Educativa, á Conselleira de Educación e Xefatura territorial sen opter ningún tipo de resposta, aplicando o silencio administrativo perante as peticións realizadas, tal e como se ven repetindo noutros casos. O silencio administrativo é a fórmula para negar un dereito que con criterios técnicos tería difícil xustificación, aplicando recortes absolutamente inadmisibles que vulneran os dereitos máis básicos dun colectivo especialmente sensible a estas incomprensibles medidas.

A inacción da Consellería, vía silencio administrativo, é unha barreira infranqueable para os pais que padecen esta situación tan sangrante, optando na maioría dos casos por buscar solucións fóra do ensino público, sendo esta situación realmente infranqueable para as familias con escasos recursos económicos.

Neste caso, non se cubren os mínimos esixibles para garantir a participación real no proceso educativo, de tal maneira que estes cativos están a ser privados dunha educación en igualdade de oportunidades.

Xa a inicio do curso escolar os pais do alumnado e a propia dirección do Centro Educativo, así como a ANPA do mesmo, comunican de maneira formal a necesidade de incorporar especialistas para a atención educativa destes nenos e do resto do alumando que presentan necesidades de atención especializada, sen obter resposta.

Os pais dunha nena advirten da necesidade doutro coidador, tal e como indican os informes dos diferentes funconarios públicos. O resultado é de un accidente nas primeiras semanas do curso, con ingreso hospitalario por doble fractura, que non condiciona para nada a actitude mantida pola Consellería.

Da mesma maneira, a falta de coidadora condicionou a participación en actividades complementarias e extraescolares dos cativos xa que non se pode garantir a seguridade das mesmas. Os pais rexeitan o uso do comedor escolar dadas a importantes limitacións de autonomía dos cativos e a a existencia dun coidador únicamente.

Esta non é unha situación excepcional, senón que é a tónica xeral dentro da política de recortes sen límites da Consellería, onde se dan casos de nenos que non poden saír ao recreo pola falta de coidadores, centros saturados con aulas en barracóns, falta de especialistas, recortes nos salarios do profesorado, aumento de horas de traballo…

Tampouco se incrementa o apoio de profesorado de Audición e Linguaxe, quedando sen a atención precisa alumnado con diversidades tipo psíquicas ou sensoriais coma é o caso dunha nena con xordeira e con graves limitacións. O incumprimento de normas como a Lei 27/2007, de 23 de outubro que promove a inclusión no sistema educativo do alumnado con xordeira, as propias leis educativas e incluso o recente Protocolo de atención ao alumnado con xordeira, que explicitan a necesidade dun mediador comunicativo que axude a que o alumnado con xordeira poida participar dunha forma real nun entorno educativo e social, ven sendo o proceder do Goberno de Feijoó que consiste en “aparcar” ao alumnado con diversidade funcional, moi lonxe doutras Autonomías onde incluso se incorporan Logopedas para compensar as desigualdades deste alumnado.

Da mesma maneira, estes recortes alcanzan aos propios Equipos de Orientación Específicos. Estes son equipos de asesoramento aos centros educativos que permiten garantir unha axeitada resposta educativa ao alumnado con necesidades moi especificas. Estes equipos contan con tan só un profesional por provincia e por especialidade, estando estes completamente saturados. Ademais non cubren as baixas, paralizando os recursos que precisan para a súa escolarización e deixando totalmente desamparados ao alumnado máis vulnerable.

Dende Erguer, Estudantes da Galiza, esiximos que se solucione esta situación de marxinación de todas estas crianzas que precisan dun acondicionamento especial para acceder dunha forma digna á educación pública. Así mesmo, Erguer sempre estará aberto a visibilizar todo tipo de problemáticas que afecten diretamente ao alumnado e loitaremos por conseguir unha educación pública de calidade e accesíbel para todas.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará