86 anos da I República Galega

Hoxe cúmprense 86 anos da proclamación da I República Galega por parte de varios militantes galeguistas, coma Alonso Ríos ou Pedro Campos, que analizaron que no seo da II República española non había cabida para as reivindicacións nacionais do noso País nin para a liberación do noso pobo. A declaración de independencia produciuse pouco despois da saída de Afonso XII de Madrid, e xusto un día antes das primeiras eleccións a Cortes da II República española, nun marco de folga xeral e mobilizacións obreiras e labregas, especialmente en Ourense e Compostela.
Tras unha ocupación do Pazo de Raxoi por parte das manifestantes, a Xunta de Goberno dimite e Alonso Ríos é proclamado Presidente da Xunta Revolucionaria da República Galega. Porén, esta mantívose por tan só unhas horas por non ter recibido o acompañamento suficiente noutras cidades e vilas de Galiza.
Malia a súa curta duración, é este un episodio da historia do noso país que debemos lembrar e reivindicar polo carácter revolucionario e obreiro que impulsou esa declaración de independencia. A loita do movemento estudantil nacionalista e independentista, así como a de todos os colectivos políticos e sociais, pola nosa liberación nacional, debe ter sempre presente a historia para construírmos o futuro.
Sigamos reivindicando un ensino de noso, público e galego, democrático e feminista, pensado por e para Galiza. Avanzamos cara a el con cada pequena conquista, mais sabemos que a nosa plena liberación nacional e social será no marco da II República Galega.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará