CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer pídenlle á Consellaría de Educación que convoque un foro de debate para analizar a situación excepcional do ensino galego ante a Covid-19

As tres organizacións educativas remitímoslle á conselleira Carme Pomar un escrito para que após case un mes desde o inicio do estado de alarma se abra unha interlocución co sector.

A situación do alumnado con necesidades especiais, a promoción de curso académico, as especiais casuísticas de todo o alumnado que está a cursar unha fin de etapa, nomeadamente no caso do bacharelato, a formación profesional e outras ensinanzas ou o a planificación do vindeiro curso, entre os principais asuntos que a administración educativa galega, ausente até o momento na interlocución, debería consensuar coa comunidade educativa.

“A circunstancia singular que estamos a vivir como consecuencia da pandemia da COVID-19, coa suspensión das clases en todos os ámbitos do ensino, e co confinamento da poboación, absoluta no caso do alumnado e o profesorado galegos, está tamén a provocar unha situación excepcional no desenvolvemento do curso académico e nas expectativas cotiáns para o próximo futuro”. Así comeza o escrito que veñen de remitirlle a CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer Estudantes da Galiza á conselleira de Educación, Carmen Pomar, no que lle piden a convocatoria urxente dun Foro de Debate sobre Ensino Público Galego, no que estean presentes todos os membros da comunidade educativa e no que “poidamos definir entre todas cal ha ser o xeito no que o remate este curso e se planifique cando menos o comezo do seguinte co obxectivo de provocar a menor das desigualdades no alumnado galego”.

No documento faise fincapé en que nestes momentos á cidadanía galega tamén lle preocupa como se están a  desenvolver as decisións académicas ao respecto do alumnado. O Ensino é un tema transversal que nos afecta a todas e nestes intres á hora de ditar instrucións educativas deberían terse en conta as múltiples casuísticas nos domicilios no que está confinado o alumnado, desde sanitarias até económicas, pasando pola chamada fenda dixital e como isto lle está a afectar ao estudantado galego no seguimento da teleformación. Igualmente, desde as tres organizacións do ámbito educativo ponse enriba da mesa a necesidade de discernir entre as distintas etapas educativas á hora de tomar decisións no que ten a ver co desenvolvemento académico do segundo trimestre, a promoción do alumnado ou as casuísticas particulares de quen finaliza etapa, con atención especial a segundo de Bacharelato, segundo curso de Formación Profesional e aos estudos universitarios. Así mesmo, tamén se solicita no escrito que se teñan en conta “as peculiaridades que a nosa realidade galega impón en termos de afectación da pandemia, de definición das nosas comunicacións, de alarma social e por suposto de incidencia económica concreta” á hora de tomar as decisións e non a simple posta en común de instrucións xerais ditadas polo Ministerio e asumidas por todas as CCAA.

Por iso, desde o punto de vista da CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer é preciso analizar e debater con urxencia cal é a situación real provocada pola diferente atención que o alumnado galego está a recibir durante esta corentena no seu ámbito doméstico e que, en base a esa análise, se intenten tomar as decisión menos lesivas en termos de desigualdade para as nosas nenas e mozas. Cómpre lembrar que a principal función do ensino público galego debe ser favorecer a igualdade e a atención á diversidade pero que se este non é presencial e se destinan a el todos os recursos materiais e humanos necesarios non é posíbel cumprir estas dúas premisas, como sabemos que está a acontecer nestes momentos tan excepcionais aos que nunca antes nos enfrontamos tamén no eido educativo.


COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *