Comunicado conxunto: 1-O, independencia para rachar co sistema!

No aniversario do referendo catalá do 1 de outubro, queremos lembrar, por unha banda, a gran lección de dignidade e organización popular acometida polo pobo catalá naquela xornada e por outra banda non podemos deixar de lembrar a brutal represión do estado español, a través da actuación das forzas policiais aplicou unha violencia desmesurada contra poboación civil, á vez que destrozaban mobiliario e edificios públicos na busca das armas dun pobo que loita polo seu futuro, urnas de plástico e papeletas de votación.

As imaxes da brutalidade policial contra un pobo pacífico que só quería tentar decidir o seu futuro, deron a volta ao mundo, destapando o que o independentismo galego levamos tempo dicindo; o estado español é un estado antidemocrático e irreformábel, que persegue toda disidencia desde a violencia organizada contra a poboación.

O proceso catalán viu corroborar que só os procesos de liberación nacional existentes dentro do estado español, son quen de crebar a estrutura corrupta e clientelar do estado español, herdeira do franquismo, o cal está instalado na xustiza, na administración, na policía e na propia política española. O 1 de outubro amosou como a autodeterminación dos pobos situase como a mellor ferramenta da clase trabalhadora no camiño da súa liberación ao trastocar o cadro de acumulación de capital e de exploración da forza de traballo e dos recursos da terra que constitue o réxime de 1978.

Malia a represión, o resultado das votacións revela un panorama claro, a vontade do pobo catalá a exercer o seu dereito de autodeterminación na construción dun estado propio lonxe do estado imperialista español. A reacción deste último foi continuar a súa ofensiva antidemocrática e opresora, aplicando o artigo 155 de constitución española, o cal suprime a autonomía do goberno catalán, o que se traduce nun golpe de estado institucional. Alias vimos como os dereitos civís básicos como o dereito de reunión, manifestación e expresión foron postos en tela de xuízo ao par que se violentou o dereito de autodeterminación do pobo catalán, isto amosounos como os dereitos dos pobos non se poden desasociar das liberdades colectivas e individuais.

Dende Galiza condenamos a aplicación do 155, a subordinación do poder xudicial español aos intereses das elites do estado así como tamén condenamos o encarceramento de políticos e activistas catalás por parte da xustiza española, amosando tamén a nosa solidariedade ao resto de activistas e políticas que tiveron que fuxir do seu país e exiliarse en diferentes puntos de Europa.

Isto é unha mostra máis do carácter tremendamente antidemocrático do Estado español, que é un dos motivos polo cal tamén nós loitamos pola nosa independencia. É unha necesidade colectiva rachar cun estado que encarcela a persoas polas súas ideas ou vontades políticas, cun estado que utiliza a violencia contra a poboación de xeito sistemático, con tal de manter o status quo dominante ao servizo do capital e da Unión Europea. Só será mediante as loitas de liberación nacional e de clase que consigamos melloras materiais reais para os nosos pobos.

Valoramos que o movemento civil, social e institucional producido no pasado 1 de outubro só foi posible gracias a constante mobilización e organización popular que desde a desobediencia e o conflito impulsaron unha crise de lexitimidade da autoridade estatal sen paralelismos na Europa das últimas décadas. Situámonos a carón do campo político, sindical e social catalán e sabemos que da súa forza dependerá o avanzo cara un novo escenario, un proceso constituínte participativo onde poder discutir cuestións fundamentais para o pobo catalán como a creación dunha banca pública, a soberanía enerxética, o antimilitarismo ou a protección de dereitos fundamentais como son a saúde pública e o teito digno.

A mocidade independentista galega mostramos unha vez máis a nosa solidariedade coa loita do pobo catalán, coa convicción de que debemos camiñar tamén cara o noso dereito a existir como nación, só a independencia e a soberanía nacional plena garantiranos vivir en democracia e poñer fin ós problemas estruturais que temos como nación, como clase traballadora e como persoas mozas rachando cun estado español irremediablemente ao servizo do gran capital. Por isto, adquirimos o compromiso de apoiar individual e colectivamente o proceso soberanista catalán e contribuír á construción do noso propio, pasando á ofensiva para exercer o noso dereito á autodeterminación para construírmos unha República Galega que saiba dar resposta ós nosos problemas sociais, económicos, culturais e lingüísticos que teñen raíz na nosa dependencia do estado español.

Briga – Erguer. Estudantes da Galiza – Galiza Nova – Isca! – Unión da Mocidade Galega

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará