Este 17 de maio #AMinNonSeMeHomenaxea

Máis un ano estamos en Compostela o 17 de maio, Día das Letras Galegas, para perdirmos un futuro digno para a nosa lingua, achégamonos desde todas as partes do país para reclamar que o galego sexa a lingua referente na Galiza que queremos e pola que loitamos, e máis un ano, o día das Letras Galegas é dedicado a un home.

Desde a Asemblea Nacional de Acción Feminista de Erguer. Estudantes da Galiza queremos, por segundo ano consecutivo, facervos a todas coñecedoras do silenciamento que estamos a sufrir as mulleres neste Día das Letras. Non é un feito casual que este día fose dedicado só en tres ocasións a mulleres desde 1963, isto forma parte dun modelo de dominio masculino contra mulleres, imposto por un sistema capitalista e patriarcal que, alén de restarnos dereitos en todos os ámbitos posíbeis, nos invisibiliza e ignora.

Estamos aquí para demostrar que ningunha agresión deste sistema inxusto vai quedar sen resposta, seguiremos resistindo por todas as que o fixeron antes, non permitiremos que o sistema acabe connosco, neste 17 de maio rebelámonos, volcamos toda a nosa furia por séculos de silenciamento das nosas obras para derrubar ao patriarcado e acadar unha verdadeira igualdade, porque non queremos que isto continúe, non queremos reclamar só aos homes, porque somos mulleres e temos o mesmo valor.

Neste día queremos dar voz ás silenciadas, ás mulleres que non recebiron unha homenaxe das súas obras simplemente por ser mulleres e ás que non a van recebir. Non imos ficar caladas ante a invisibilización que sufrimos, imos derrubar cada mínima expresión de violencia machista que nos faga estar por debaixo, imos berrar polas que silenciastes e polas que pretendedes silenciar, porque nós recollemos o espírito desas mulleres que nunca deixaron de facer o que querían porque fose valer menos.

Somos conscientes de que este silenciamento non se dá só no espazo das letras e queremos que todas as mulleres que sexan referenciais nun campo teñan o mesmo recoñecemento, non imos parar até derrubar este sistema que nos oprime por mor do xénero.
Non imos pasar por alto a necesidade dunha igualdade real que o mude todo. Por iso, hoxe reivindicamos o Día das Letras Silenciadas, para conmemorar ás omitidas, relegadas, invisíbeis e ignoradas.

#AMinNonSeMeHomenaxea

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará