15.3 Artigo de Stella González

15.3 é a porcentaxe da taxa de abandono dos estudos universitarios na Galiza segundo o informe CYD publicado un ano atrás. O sistema meritocrático imposto ás estudantes universitarias para solicitar unha bolsa é un dos principais causantes deste abandono, xunto ás fortes subidas, dun 20% de media, dos prezos públicos.

Cada ano as condicións para poder conseguir unha bolsa son máis duras e, en moitas ocasións, unha denegación das mesmas implica ter que abandonar os estudos de forma temporal ou definitiva. Unha das condicións que máis dores de cabeza nos trae nestas épocas é aquela que esixe una nota media mínima para solicitar no vindeiro ano dita axuda ao estudo. Na actualidade semella non importante que as alumnas teñamos verdadeiras ganas de aprender e moito menos que esteamos motivadas para facelo pois, una nota media determinada pode supor un esforzo moito maior nalgunhas estudantes que noutras e desde logo prexudícanos de xeito abismal.

Segundo o IGE (Instituto Galego de Estatística), na Galiza hai preto de 45000 persoas matriculadas, das cales unha parte importante recibe algunha axuda económica. Segundo un estudo recente de Albert Sánchez Gelabert podemos destacar entre que os alumnos que traballan a tempo completo pasaron de representar o 38% a representar o 47% nos últimos tempos. O coautor explica; ¨pode supor un obstáculo para as estudantes con necesidades económicas que teñen que traballar durante os estudos e una barreira para a súa continuidade educativa, pois compiten con notas máis baixas para acceder a becas¨.

Moitas de nós vivimos facendo todos os cálculos posíbeis para conseguir chegar a final de mes dun xeito case diario, contamos cada moeda que gardamos, intentando calcular o presuposto exacto que, calculadora en man, gastamos en comida e artigos necesarios para para o día a día. Ante isto, moitas resígnanse, decididas a pensar que é una situación común e igualitaria entre as estudantes. Nós non.

As condicións económicas e persoais son as que deben de primar para obtermos unha bolsa. Alcanzarmos uns requisitos académicos determinados non pode ser un factor para a obtención dunha bolsa, coa consecuencia de poder ou non matriculármonos na universidade. Por esta razón cabe facer un chamamento a todas as estudantes a denunciar esta precaria e cotiá realidade. Estamos fartas!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará