“Sae ás rúas por unha Lei Galega de Educación” por Fiz González

Nunha época complicada para o ensino público, é importante que a mocidade estea organizada e loite por conseguir recuperar os dereitos que pouco a pouco se nos están a roubar, nunha tentativa de privatizar completamente o que desde un principio debería ser público; o noso dereito á educación.
Neste contexto, desde Erguer convocamos a folga do próximo 16 de novembro, orientada a atacar os principios dunha lei elitista e a construír un ensino orientado para o beneficio das estudantes e non dos petos da burguesía española. Tamén estamos a organizar desde que Erguer naceu múltiples campañas informativas sobre a LOMCE e o 3+2, que están destinadas a afondar na precarización que nos é inherente á mocidade no sistema capitalista.

Por iso, e para non baixar a garda mentres os partidos estatais artellan outra reforma educativa que non supón máis que un par de cambios sobre a lei actual, en Erguer. Estudantes da Galiza cremos necesaria a convocatoria dunha nova folga que nos avance no camiño de crear un ensino de noso.
A LOMCE preséntase desde un principio como unha lei galegófoba, reducindo as horas lectivas de materias impartidas en galego. Con ela, a materia de relixión comeza a computar para a media, sendo isto un ataque á laicidade do ensino. Ademais, parte dos centros privados subvencionados polo Estado segregan por cuestión de xénero, sendo isto un atentando contra o ensino igualitario ao que aspiramos.

Cómpre lembrar como era a estas alturas do pasado curso o modelo antipedagóxico que o PP pretendía instaurar, cunhas reválidas que, de suspendelas, nos obrigarían a repetir un ano para poder continuar no seguinte nivel educativo. Porén, grazas á presión da comunidade educativa, estas foron suspendidas.

Por outra banda, o 3+2 favorece que os estudos universitarios estean só ao alcance das persoas cun alto nivel económico, en detrimento das clases populares galegas.
Fronte a todo isto, lanzamos a proposta dunha Lei Galega de Educación, feita desde o alumnado e para o alumnado. A principal premisa desta lei é garantir a todas o acceso ao ensino, eliminando as axudas a centros privados, suprimindo as taxas das probas de acceso á universidade, asegurando que os libros de texto sexan de balde, etc.

Tamén se lle presta especial atención á necesidade de aumentar as horas impartidas en galego que tanto se viron reducidas coa LOMCE, e á necesidade tanto de estudar a historia e cultura do noso país como de volver formular Lingua e Literatura Galegas como materia troncal. Ademais, cremos necesario acabar cos recortes na educación, que provocan tanto falta de persoal docente como do material necesario para impartir as materias.

Esta lei galega deberá estar orientada cara a un ensino máis feminista, rachando co ensino patriarcal no que estamos inseridas mediante a impartición de materias sobre igualdade de xénero e especialmente incluíndo nos contidos impartidos a todas esas importantes mulleres esquecidas pola historia. Neste mesmo contexto, é completamente esencial fomentar un ensino inclusivo no que a LGTBIfobia non teña cabida e se fomente unha diversidade que remate coa heteronormatividade vixente. Non fai falla dicir que para lograr isto, a materia de relixión ten que ser completamente erradicada dos centros de ensino públicos.

A principal vantaxe para o alumnado que presenta a LGE pola que apostamos fronte á LOMCE  radica na construción dun ensino pedagóxico no que nos ensinen a pensar por nós mesmas e non a memorizar contidos, e no que a nosa voz como alumnas teña máis peso.

Polo tanto, vemos moi importante que o alumnado se mobilize para loitar polo ensino público, galego, feminista, diverso e de calidade que tanto tempo levamos pelexando por acadar, pois a forma de conseguir que a LGE se efectivice é poñendo sobre a mesa o seu debate e, sobre todo, reivindicándoa coa loita na rúa.

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Un comentario

  • Héctor di:

    Moitas grazas pola súa explicación, ahora sei por que hay que saír ás ruas. Odio cando a xente non pensa noutros e se limita ós “superiores”. Na miña opinión o pobo traballador sempre é o superior. Grazas de verdade compañeiro por explicar isto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *