A extinción do Grao de Estudos de Galego

Vimos de saber que o 2 de xuño será a data elixida para celebrar a gradación da derradeira promoción do Grao de Estudos de Galego e Español da Universidade de Vigo. Este é o grao no que se realizan os estudos universitarios filolóxicos da nosa lingua na cidade de Vigo, porén, esta titulación ten data de caducidade, xa que desaparecerá a partir do vindeiro curso 2017/2018. Embora sexa unha ferramenta imprescindíbel para o galego, por que vai ocorrer isto?

 

A derradeira promoción, constituída por 23 alumnas, lamenta a futura e imparábel extinción da súa carreira e salientan a necesidade desta titulación para garantir o futuro do galego. A desaparición deste grao é motivada pola falta de demandantes que, a día de hoxe, imposibilitan a súa continuidade segundo motivos de mercado. Por desgraza, este feito ten a súa orixe na precariedade que vive o sistema educativo galego público, como vimos denunciando desde o noso nacemento: o galego é recortado ano a ano polo Partido Popular na Xunta da Galiza.

 

Se sumamos a falta de interese por promover o uso do noso idioma na actualide coas políticas centralizadoras de españolización da nosa sociedade, o resultado é  visíbel cando desaparecen ferramentas tan importantes para a saúde do noso idioma. Como comentan varias alumnas da derradeira promoción, hai moita xente que mesmo nin tiña coñecemento da existencia desta titulación na Universidade de Vigo. Os plans de centralización españolizadora son apoiados pola lei da oferta-demanda que rexe o sistema capitalista no que nos tocou vivir; ao non haber demanda suficiente para acadar un rendemento económico, a solución é facer desaparecer ese servizo.

 

Mais non nos imos deter por isto, seguiremos exixindo a renovación do Grao de Estudos de Galego na Univesidade de Vigo porque queremos estudar a nosa lingua. A solución deste problema é a paralización dos recortes xunto coa mellora na promocion desta carreira ao público. Para conseguir unha educación de calidade, é imprescindíbel erradicarmos a idea de que se algo non for rendíbel pola oferta-demanda hai que desbotalo. O único que fai este pensamento é avanzar na privatización do ensino. Con isto queremos seguir facendo fincapé na necesidade da creación da Lei Educativa Galega, a lei que recolla as problemáticas do noso país para poder solucionalas.

 

Organízate con Erguer. Estudantes da Galiza se queres loitar por un sistema educativo galego público de calidade, antipatriarcal, laico e científico!

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *