A LOMCE, muro do estudantado

A semana pasada denunciabamos que o goberno en funcións do Partido Popular decidise seguir adiante coas reválidas da ESO e Bacharelato malia estas non contaren co apoio da comunidade educativa, do estudantado nin das familias, e hoxe analizamos o que supoñen estas probas da LOMCE para o alumnado.

WebErguerLOMCEAs alumnas que aproben a ESO pero suspendan a reválida ficarán sen oportunidade de obter o título de Secundaria, e coa única saída posíbel de acceder á Formación Profesional Básica, vía educativa que outorga a capacitación laboral máis baixa existente e pensada nun comezo para alumnado con problemas de rendemento como alternativa aos dous últimos cursos da ESO, non para aquelas persoas que xa tiveran superado 4º. Porén, aquelas estudantes que teñan repetido un curso nin sequera poderán optar á FP Básica, xa que a idade máxima para iniciala son os 16 anos, que é xustamente a idade coa que se remata o último curso da ESO. A única opción que lles queda a estas alumnas é a do abandono escolar, xa que non poden acceder a ningún outro nivel de estudos.

De igual maneira, aquelas alumnas que aproben o Bacharelato pero suspendan a reválida fican, de novo, sen outra opción que non sexa agardar un ano para repetir o exame, entrar na FP Media (non poderán acceder á FP Superior nin á Universidade) ou, de novo, o abandono escolar.

Escoitamos día tras día aos líderes das forzas políticas españolas falar da súa preocupación polo “fracaso escolar” e da necesidade de mellorar as estatísticas sobre o mesmo; porén, ao mesmo tempo promoven unha lei que ten como función fundamental servir de muropara que non sigamos estudando e impoñer aínda máis trabas a aquelas persoas que precisen máis apoio e unha adaptación ás súas necesidades particulares.

A LOMCE, ademais de ser unha lei confesional, recentralizadora, inimiga do galego, machista, privatizadora e antipedagóxica, é fondamente elitista. Pretende voltar a unha universidade exclusiva para as fillas dos ricos e a converternos ás fillas da clase traballadora en man de obra barata, de incorporación fácil e rápida ao mundo laboral, cada vez máis susceptíbeis de sermos explotadas.

O rexeitamento a esta imposición española é total na Galiza, como xa puidemos ver nas reválidas de Primaria que tiveron lugar este ano, nas que a porcentaxe de abstención a través do boicot convocado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público –da que forma parte Erguer- foi a maior de todo o Estado español. O estudantado da ESO e do Bacharelato tamén manifestou a súa oposición á LOMCE no seu masivo apoio á folga convocada por Erguer o pasado 13 de abril, e nós seguiremos a enfrontarnos a estas leis inimigas das clases populares galegas, a pé de rúa e desde os propios centros de ensino.

LOMCE NON!!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará