A mocidade galega cara á folga xeral

As mozas galegas de clase traballadora atopámonos na altura do 1 de maio do 2018 nunha situación de extrema precariedade e con nulas perspectivas de futuro. Os salarios miserentos, a elevadísima taxa de desemprego xuvenil e en moitos casos a obriga de abandonar o noso país para poder vivir dignamente son os instrumentos que empregan o grande capital español e transnacional para seguir a aproveitarse do noso traballo, gañando cada vez máis a costa de que nos vivamos peor.

Esa realidade, de carácter mundial, vese agravada pola nosa situación de dependencia económica e política. Unha situación que subordina a Galiza aos intereses do mercado español, que son os da minoría capitalista que sustenta ese Estado. Os nosos recursos e potencialidades son reduzidos a umha conta de resultados das grandes empresas. As necesidades do noso pobo e as potencialidades do noso país son desprezadas polos diferentes gobernos. O Estado español e a Unión Europea son un freo para o desenvolvemento autocentrado da Galiza.

Unha década despois do comezo da até hoxe última crise cíclica do capitalismo do 2008 comprobamos como o capital avanza sen freos a favor da grande burguesía transnacional, que acumula cada día máis beneficios en base ao aumento da nosa explotación, que fai aumentar a pobreza entre a mocidade galega. É clave a figura das traballadoras pobres, pois ter un traballo xa non garante unhas condicións de vida digna, en especial para as mozas. As condicións dos contratos revelan unhas condicións case escravizantes, con contratos por horas, días ou semanas, con cadeas de subcontratación, traballos precarios desde as ETTs e a imposición de falsas autónomas.

As privatizacións de servizos públicos (sanidade, ensino, servizos sociais) e a imposición das reformas laborais, sociais e das pensións, levadas a cabo polo PSOE e polo PP, e no caso das pensión co apoio de CCOO e a UGT son ferramentas fundamentais no disciplinamento e precarización da clase traballadora, incluíndo a xuventude. Estas políticas veñen da man dun partido corrupto ao mando dun estado profundamente antidemocrático e represor, que adopta prácticas propias do franquismo nunha desmedida represión sindical e xudicial que criminaliza a resposta social contra as súas políticas.

O aumento da conflitividade laboral en diferentes sectores, causada polas duras condicións de explotación, obriga a coordinar, dinamizar e ampliar a resposta, na procura de vitorias para a nosa clase. Faise necesario intensificar a mobilización e continuar coas loitas gañadas polo noso pobo nos sectores do telemarketing e o téxtil coma trala folga de Bershka, así como coas mobilizacións que se deron coa folga de mulleres o pasado 8 de Marzo, co movemento de pensionistas e o persoal da Xustiza na Galiza, así como outros colectivos de traballadoras nos seus centros de traballo e no territorio.

Facemos un chamamento a camiñar cara unha folga xeral na Galiza, xa que é a resposta necesaria ante a situación que estamos a vivir cunhas características propias na nosa nación. A folga xeral é o instrumento da clase traballadora para demostrar ao poder político e económico a nosa disposición de resistencia e loita pola recuperación dos nosos dereitos, polo que se trata da mellor forma de responder aos abusos da patronal, que non atopa outra oposición por parte do goberno e a lexislación vixente.

Por todo isto, as organizacións da mocidade nacionalista e independentista galega que apoiamos este manifesto chamamos a toda a mocidade galega a participar das mobilizacións convocadas polo sindicalismo galego de clase en cidades e vilas de todo o país para o vindeiro Primeiro de Maio, Día da Clase Obreira.

Saudamos polo tanto a campaña a prol da convocatoria de folga xeral na Galiza impulsada pola Confederación Intersindical Galega​, convencidas de que a resposta aos ataques do capital cara a clase traballadora galega só pode darse a través da mobilización e o conflito encadrados nunha estratexia revolucionaria no camiño dunha Galiza ceibe e sen explotación.

 

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará