A nosa vida precaria para poder permitirnos estudar Por Manuel Núñez

Pagar un aluguer, as facturas, a matrícula, as taxas… xuntar moedas de céntimos para mercar leite e cousas básicas.
Moitas estudantes saben do que falo ao ler estas liñas, non o saberán as estudantes fillas da clase acomodada, mais esas estudantes fillas da precariedade e da clase obreira si saben do que falo: en época de exames todo son incertezas para nós. Non saber cando vas dispoñer de cartos para fotocopiar os apuntamentos do vindeiro exame, non poder saír tomar un café cando estamos estresadas de tanto estudar… esa incerteza de non ter seguridade económica é un mecanismo de opresión que sufrimos as estudantes de clase traballadora.

As becas do MEC poden sacarnos dun apuro, cando chegan, e se chegan… Esíxennos unha nota mínima -cada ano máis alta- para recibir a bolsa, pero, cando hai fame e non somos capaces de estudar, cando os problemas económicos da nosa unidade familiar nos impiden sentar diante do libro e concentrarnos no estudo, como imos sacar esa nota que precisamos para acceder á beca?

Algunhas temos que vernos na obriga de pedir esa “axuda de casos sobrevida” que dá a Xunta de Galicia, unha axuda que a min veume como anel ao dedo no seu momento para poder afrontar o pagamento da matrícula, mais a realidade de termos unha institución que actúa polos intereses do pobo e tentando polo menos paliar a nosa precariedade está moi lonxe. Esa mesma axuda estana descontado un ano despois mes a mes das axudas que chegan á miña unidade familiar. Con todo isto quero dicir que non estades ante un caso illado: en Erguer. Estudantes da Galiza existen un elevado número de estudantes organizadas que somos fillas da clase obreira, que vemos como en contraposición a nós, os fillos da clase dominante durante a época de exames só teñen que preocuparse de sacar boas notas para que desde a casa, papá ou mamá lles pasen un cheque como premio ao seu esforzo. Non pretendo con isto desacreditar o esforzo persoal de ninguén, pero si levarvos á seguinte reflexión: estamos ante un sistema educativo xusto ou igualitario? Todas as estudantes estamos sometidas ao mesmo filtro, pero non todas somos iguais nin temos as mesmas condicións económicas para saír adiante. É xusto que a nosa condición económica condicione o esforzo que poñemos aos estudos e que incluso nos force ao abandono dos mesmos?

Porque no peor dos casos, hai xente que se ve na obriga de abandonar os estudos por causas económicas, e dentro dese grupo de xente hai mentes brillantes e persoas moi preparadas que, de termos todas as mesmas oportunidades, poderían acadar unhas cotas brutais de formación.
En Erguer somos estudantes e moitas de nós precarizadas, cada unha cos seus problemas, e decidimos organizarnos para loitar unidas contra todas estas inxustizas. O que procuro é abrirvos os ollos e deitar o foco en que hai estudantes que non se poden concentrar no seu estudo porque o están pasando mal economicamente dende a unidade familiar, se é que a teñen.

Temos que encher as rúas coa bandeira da denuncia da nosa precariedade e a do “xa estamos fartas”.

Por todo isto, gustaríame que o movemento estudantil galego fose a vangarda, o xermolo do que xorda unha xeración loitadora, a nosa, con todas as responsabilidades históricas que nos corresponden de mudanza da realidade e de conquista de dereitos, en definitiva, dun futuro moito mellor do que se nos impón.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on Google+
Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *