A ría é nosa e non da celulosa

Este sábado 3 de xuño, as estudantes nacionalistas e independentistas volveremos estar presentes na Marcha contra celulosas convocada pola Asociación Pola Defensa da Ría, que sae ás 19:30 das Alamedas de Pontevedra e Marín cara ao complexo de ENCE-ELNOSA.
Cando en xaneiro do pasado ano o goberno en funcións do Partido Popular concedía a ENCE unha prórroga na súa permanencia na Ría de Pontevedra por outros 60 anos, liquidaba as opcións de supervivencia da nosa Ría. Desde Erguer. Estudantes da Galiza cremos nun outro modelo de país, sustentábel e respectuoso coa biodiversidade tanto das nosas Rías coma dos nosos montes, que non podemos permitir que sigan a converterse en monocultivos de eucalipto.
A realidade é que desde que a fábrica comezou a funcionar, no franquismo, se destruíron máis postos de traballo dos que se crearon, por todos os que liquidou en sectores coma a pesca, o marisqueo ou o turismo. ENCE-ELNOSA leva anos prometendo a diminución do seu impacto ambiental, das súas verteduras, cheiros e emisións á atmosfera sen cumprilo; porén, isto pouco importa aos gobernos do Partido Popular, que seguen a facer negocio recolocando cargos públicos no Consello de Administración da empresa.
É por isto que as estudantes organizadas en Erguer estaremos este sábado en Pontevedra con todas as galegas decididas a loitar por un futuro sustentábel e de emprego digno e respectuoso co medio ambiente e coa nosa saúde. A Ría é nosa e non da celulosa!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará