Complicidade na Universidade de Vigo ante os incendios

O noso país está ardendo: arde a vida, arden as casas, arden as vilas… A situación é alarmante, en menos de 24 horas prendéronse intencionadamente máis de 80 incendios só pola provincia de Pontevedra. Estradas cortadas, vilas enteiras desaloxadas, persoas que están loitando cara a cara co lume arriscando as súas vidas e o campus da Universidade de Vigo vendo chegar o lume.

A esta situación dramática temos que lle sumar o caos comunicativo por parte dos órganismos universitarios. A menos de 12 horas do comezo das aulas, a maioría das universitarias estamos agardando ao desenvolvemento dos acontecementos para saber se teremos aulas ou non e a residencia universitaria foi xa desaloxada polo extremo risco para as vidas das universitarias. Achamos que o normal nunha situación tan extrema sería a cancelación total das aulas e a suspensión de todas as actividades universitarias do campus, mais iso non está a ocorrer.

Numerosas facultades están usando os fíos de correo electrónico para normalizar a situación e informar de que as aulas non se cancelarán, o seu mandato é manter todas as aulas. Mesmo o profesorado está obrigado a arriscar as súas vidas para chegar aos seus postos de traballo. Como pode ser posíbel que se atrevan a tentar normalizar que o campus estea ardendo e querer dar aulas? Pois por unha total complicidade coa Xunta da Galiza con maioría absoluta do Partido Popular.

Alén dos recortes no persoal especializado para conter os incendios, alén dos recortes nas ferramentas de prevención e control do lume, alén de promover unha Lei de montes que permite recualificar o chan queimado, alén da enfermidade mental que lles fai ver negocio na morte; queren normalizar por todos os medios unha situación de máxima urxencia.

Desde Erguer. Estudantes da Galiza chamamos ao boicot de toda a comunidade universitaria e á non asistencia ás aulas para protestar polo terrorismo comunicativo, mediático e asasino que están a promover desde os organismo da Universidade de Vigo.

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *