Contra a ABAU, contra a LOMCE!

Nestes últimos meses do curso académico 2017/18 as estudantes de ensino medio que nos imos presentar á proba de Acceso á Universidade, a ABAU, encontrámonos de novo con que se están a repetir as infames prácticas do curso pasado, con cambios no modelo de exame, nos contidos e nas ponderacións.  Outra vez as cousas fanse tarde, mal e arrastro, o que parece que se está convertendo nunha práctica habitual no ámbito de ensino dende o goberno do Estado.

Dende Erguer. Estudantes da Galiza queremos denunciar o noso desacordo con estas medidas e coa forma de levalas a cabo, dándolle voz ao descontento de moitas estudantes da Galiza que están afectadas por este proceder.  Xa a propia existencia destas probas constitúe unha barreira para o estudantado, e as últimas medidas non son máis que novos atrancos.

Entre estas modificacións de última hora está a notificación da posibilidade de presentarse ás probas examinándose dunha 2ª lingua estranxeira ponderando esta coa nota máxima de 0.2 puntos en todos os graos agás nos das ramas das Ciencias, posto que ao alumnado destas ramas non se lles permite presentarse. Isto é unha criba sen sentido xa que en moitos graos se esixe a acreditación dunha lingua estranxeira. Entón, por que se priva ás estudantes, independentemente da rama da que se vaian examinar, da posibilidade de examinarse desta materia? Isto é máis grave aínda se temos en conta que unha alumna que fixese unha determinada rama de Bacharelato e polo tanto se examine da mesma nas ABAU, non ten por que estudar un grao desa mesma rama.

Así mesmo, vólvesenos comunicar a última hora desta posibilidade, a un escaso mes e medio das probas; sen tempo suficiente para preparar os contidos, sen un modelo de exame enviado a día de hoxe e cun desconcerto e rexeitamento das profesoras que imparten a materia e que descoñecen o por que desta modificación a estas alturas de curso.

Outra das modificacións que se implantaron ao comezo de curso foi o cambio de modelo de exame e os contidos nas materias troncais de Lingua Castelá e Literatura, Inglés e Historia de España. O cambio que máis nos afectou ao alumnado e ao profesorado foi en Historia de España: despois de que a LOMCE  a convertese en troncal obrigatoria, decidiron en setembro aumentar o temario a examinar engadindo un século mais cara atrás, o século XVIII. Mais non foi o único, senón que tamén se cambiou o modelo de exame pasando duns textos para a elaboración dun tema a diminuír a cantidade de textos, engadir unha pregunta de definicións e unha pregunta teórica a desenvolver. Todo isto, co mesmo tempo no que se tiña que facer só un tema. Vólvese outra vez a forzar o tempo do curso para dar todos os contidos desta materia, chegando con dificultades á parte final do temario, que dá a casualidade de ser a máis actual e que suscita o interese do alumnado e pode crear nel conciencia crítica. Estamos fartos de estudar os Borbóns, a Guerra de Sucesión, a Invasión Francesa… pero pola contra hai moitas estudantes que non saben cando morreu Franco, canto durou a ditadura que sufrimos no país, como foi o proceso de presunta Transición… Foméntase que descoñezamos os sucesos históricos máis recentes que nos afectaron directamente, xa que cando se chega a esa parte a final de curso o tempo apremia e dáse correndo e ás présas. Perdemos a posibilidade de estudar ese período dunha forma mais pausada con profundidade, que nos dea tempo a investigar e reflexionar sobre eses acontecementos.

Todas estas chapuzas de última hora non son máis que o reflexo do panorama educativo ao que estamos sometidas. Dende a súa implantación, toda a comunidade educativa amosou o seu desacordo cara a esta nova lei educativa nas rúas e baleirando as aulas con todas as convocatorias de folga que se levaron a cabo, mais nestas aínda andamos, e é algo que volvemos reclamar na convocatoria deste xoves 19 de abril. Dende Erguer. Estudantes da Galiza a nosa postura segue sendo a mesma, esiximos por motivos coma estes a derrogación da LOMCE e defendemos o noso proxecto da Lei Galega de Educación para loitar por un ensino que si teña en conta a opinión da comunidade educativa e que reflicta as necesidades das estudantes galegas .

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará