Denunciamos a falta de espazos de estudo na USC

Dende Erguer denunciamos a situación de precariedade que sufrimos o estudantado en épocas de exames, ao non dispor dos suficientes espazos de estudo dignos, habilitados. Vivimos nun contexto onde as estudantes recorren a espazos comúns como bibliotecas ou facultades como solución ante a precarización das súas condicións materiais, que lles impiden levar a cabo a súa labor de estudo dunha forma digna e óptima. Ante esta situación e sometidas a un sistema de explotación capitalista que fomenta a competición entre nós, ocasionándonos unha carga psicolóxica e mental para acceder a, entre outras cousas, unhas becas insuficientes, que non chegan a cubrir as nosas necesidades. Polo tanto, esiximos á USC que habilite espazos de estudo que permitan desenvolver as nosas capacidades de estudo.

Situámonos nunha época onde se xuntan os exames de selectividade e os exames universitarios, que esixen unha demanda de bibliotecas e aulas de estudo que nin moito menos se ven resoltas, e tanto a Xunta de Galicia como a USC son cómplices da nosa situación.

Debemos destacar que isto non é máis que unha denuncia concreta da situación dos espazos habilitados para as estudantes, mais debemos apuntar que a falta de infraestruturas e o mantemento deficiente das mesmas é unha práctica xeralizada en todas as universidades do país, que afecta directamente á calidade da nosa formación.

Somos conscientes de que a nosa situación de precariedade non rematará ata a superación do sistema capitalista, que nos convirte nunha mera mercadoría e que nos relega á precariedade, pero vemos imprescindíbel que mentres isto non suceda se deban habilitar espazos de estudo dignos durante a época de exames e permanezan abertas as facultades e bibliotecas da USC, inclusive as fins de semana. A educación pública pagámola entre todas, estudar dignamente é un dereito, non un privilexio!

En Erguer non pararemos ata conseguir un ensino público, gratuíto, digno, en galego e accesíbel para todas. Espazos habilitados xa!

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *