Día do Orgullo LGTBI: cambiar a sociedade comeza por mudar o ensino!

Hoxe, 28 de xuño, cúmprense 49 anos dos disturbios de Stonewall, un acontecemento que marcou un antes e un despois na visibilidade do colectivo LGTBI e na loita como medio para conquistar os nosos dereitos. Sen embargo, as persoas pertencentes a este colectivo continuamos a ser discriminadas no marco legal e social e as agresións lgtbifobas son unha realidade diaria. É este pois un día máis para erguernos con orgullo e reivindicar un ensino diferente que nos permita construír unha Galiza libre e diversa.

É preciso loitarmos contra as políticas retrógadas que afectan tamén ao noso ensino. Así, rexeitamos a LOMCE e pulamos por unha Lei Galega de Educación que deseñe un ensino inclusivo e que recoñeza e fomente a diversidade, rachando coa heteronormatividade imperante. Reclamamos que a diversidade sexual e de identidade de xénero sexa incluída nos programas escolares, así como un persoal educativo formado ao respecto.

Queremos sentirnos seguras nas aulas. Actualmente, as crianzas e mozas LGTBI son o principal branco do acoso escolar, e iso reflíctese tamén despois na LGTBIfobia existente na sociedade. O ensino é un piar fundamental para mudar esta realidade.

Outra das necesidades do noso ensino é unha educación afectivo sexual que forme en igualdade, na liberdade e no respecto ás demais. Unha educación libre de esteorotipos e que ofreza máis posibilidades alén da heteronorma e os modelos tradicionais.

No sistema universitario tamén queda moito por facer para facer deste un espazo seguro, diverso e respectuoso. Non queremos a homófobos impartindo clase e esiximos que a Universidade sancione calquera comportamento que fomente o odio, tanto por parte do estudantado como do profesorado.

O cambio que queremos na sociedade comeza coa mudanza do noso ensino. Loitemos dende as aulas por unha Galiza soberana, orgullosa e diversa!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará