Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O 11 de febreiro conmemórase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Dende Erguer queremos reivindicar hoxe e todos os días do ano o papel destacado das mulleres no ámbito científico, así como denunciar a invisibilización que sufrimos. 

A presenza de mulleres que son nomeadas ou citadas nos libros de texto do ensino secundario non supera o 12,7% . Dende os nosos libros do instituto ata os traballos da universidade, as estudantes non contamos con referentes femininos. 

No ano 1993, a historiadora Margaret W. Rossiter acuñaba o termo “efecto Matilda” para referirse á tendencia a menosprezar os logros científicos realizados por mulleres e atribuír o seu traballo aos homes. Isto é unha constante na nosa historia, con exemplos como os de Trotula de Salerno, Rosalind Franklin, Chien-Shiung Wu, Marthe Gautier… Nomes que probablemente non nos soen, mentres si que o fan o de homes que recibiron o mérito polo seu traballo.

Fronte a isto, queremos reivindicar o nome de mulleres galegas que fixeron importantes contribucións científicas e son silenciadas: María Wonenburger, Jimena e Elisa Fernández de la Vega, Celia Brañas, Ángela Ruíz Robles, Ángeles Alvariño… 

Dende Erguer, homenaxeamos hoxe a estas mulleres e outras moitas máis, que se rebelaron e rebelan contra a sociedade patriarcal. Dende as aulas e as rúas loitamos por un ensino feminista e científico, que nos permita coñecelas e estudalas. 

Datos recollidos do proxecto de investigación TRACE As mulleres nos contidos de ensinanza secundaria do Ministerio de Ciencia e Innovación.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará