Erguer celebrou a súa III Asemblea Nacional

A Facultade de Dereito da USC (Universidade de Santiago de Compostela) acolleu o pasado sábado, 13 de abril, a III Asemblea Nacional de Erguer, celebrada baixo o lema «Organicémonos: é o momento».

No acto de clausura contamos coa asistencia de delegacións do centro social O Quilombo (Pontevedra), a CIG (Confederación Intersindical Galega), Galiza Nova e Mar de Lumes. Briga, Isca! e a UMG (Unión da Mocidade Galega) enviaron saúdos.

A III AN aprobou as seguintes resolucións:

Erguer. Estudantes da Galiza apoia o dereito a voto das persoas con discapacidade intelectual.

Condenamos a censura sufrida polas alumnas de 4º da ESO de Cedreira ao se lles retirar unha exposición de poesía.

Apoiamos a loita dos estudos superiores artísticos (ESAD de Galiza, Conservatorio Superior da Coruña, Conservatorio Superior de Vigo e a ESCRBC de Galiza) para entraren no sistema universitario.

Erguer. Estudantes da Galiza apoia a loita polo dereito a autodeterminación do pobo catalán.

Ante a pasividade do Goberno español, Erguer. Estudantes da Galiza reafirma o seu compromiso co peche e marcha de Ence da ría de Pontevedra, imaxe do espolio colonial do noso pobo.

A III AN de Erguer esixe a inmediata posta en liberdade dos presos independentistas galegos. Denunciamos a ilegal e inhumana dispersión penitenciaria e reclamamos a mellora xeral das condicións de vida nas prisións españolas.

A III Asemblea Nacional de Erguer esixe o arquivo da Operación Jaro e o fin da represión contra o independentismo.

A III Asemblea Nacional de Erguer condena a inxerencia por parte do Goberno dos Estados Unidos na República Bolivariana de Venezuela, apostando pola soberanía dos pobos e mandando un saúdo de resistencia ao conxunto do pobo bolivariano.

Posteriormente, deuselle lectura ao seguinte comunicado do preso independentista galego e membro de Erguer Raul Agulheiro:

Companheiras!

Obrigado de novo por dar voz a quem nom a temos.

Obrigado por voltar a contar, mais um ano, co CPIG (Coletivo de Presas Independentistas Galegas) nesta assembleia e dar visibilidade à nossa problemática cotiã.

Campanhas como a realizada há uns meses por Erguer, coa colaboraçom doutras organizaçons, fazem visíveis todos os atrancos cos que os presos independentistas nos encontramos à hora de decidir estudar deste outro lado dos muros.

Ano após ano, as condiçons de estudo coas que contamos nos centros penitenciários empioram, pois o investimento é mínimo, por nom dizer inexistente. Pola contra, os preços das matrículas, assim como dos diversos materiais que precisamos, nom deixam de crescer. Tampouco o fazem os critérios exigidos para aceder a umha bolsa, e todo isto a pesares de que as atividades formativas e académicas mantêm um lugar destacado no chamado «processo de reinserçom social» do que tantas vezes temos ouvido falar.

A maiores, os presos independentistas vemo-nos afetados por critérios de «segurança», isso que tudo o abarca…, desde a proibiçom de acudir a titorias até a perda de convocatórias por mor de traslados arbitrários aos que somos submetidos.

Nestas condiçons é quando um tem que buscar o respaldo da mocidade comprometida que nom dá as costas às injustiças.

Por isto som precisas organizaçons como Erguer. Porque hoje mais que nunca é preciso organizar-se, também fora de apostas institucionais. Temos que ver a organizaçom em dialética permanente co desenvolvimento das lutas populares. Como um acelerador e um coesonador ao serviço dessas lutas. Porque é a organizaçom a que nos permite ser mais fortes e golpear juntas.

Porque é preciso persistir na articulaçom política do conjunto do país, que faça realidade os nossos sonhos coletivos e que persevere nas nossas ideias.

E o estudantado nom pode ser um mero espectador na construçom nacional. Umha construçom que há de ser real, que vaia mais alá da mera vontade. Pouco a pouco e passo a passo. Cerrando um repto para emprender o vindeiro com maior determinaçom e legitimidade que antes.

Polo tanto, entusiasmo, organizaçom e inteligência.

Por último, desde o CPIG queremos saudar a esta Assembleia Nacional e desejar todo o melhor nesta nova jeira que hoje aqui nasce.

Viva Galiza livre, socialista e feminista!
Venceremos nós!

Raúl Agulleiro Cartoi
Preso em Villabona

Por último, presentamos a nova composición do Consello Nacional, que fica conformado por María Alonso, Claudia Domínguez, Nerea Edreira, Brais Gómez, Jorge Longueira (Longui), Claudia Rivera, María Rodríguez e André Vidal.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *