ERGUER CONVOCA UNHA FOLGA ESTUDANTIL PARA O 16 DE NOVEMBRO

Desde a organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza vimos de convocar esta mañá en rolda de prensa na Praza de Mazarelos de Compostela unha folga en todos os niveis educativos para o día 16 de novembro.
A Responsábel de Organización de Erguer, Iria Figueroa, expuxo que a folga se convocaba baixo o lema <<Nin LOMCE, nin pacto entre elites: Lei Galega de Educación>>, e que tiña por obxectivo reivindicar unha alternativa real á LOMCE, ao Plan Boloña e ao Decreto do 3+2, elaborada en clave de país.
“As forzas políticas españolas están a negociar de forma secreta un pacto de educación que pretenderán vendernos como un consenso, pero que está a ser elaborado, de novo, de costas á comunidade educativa galega. Desde Erguer consideramos que é fundamental que as estudantes teñamos voz na elaboración do noso modelo de ensino, e por iso realizamos durante todo o mes de setembro asembleas abertas en centros de ensino medio e facultades, de cara a recollermos propostas para a elaboración desa Lei Galega de Educación. A semana próxima faremos, de xeito simbólico, un referendo en preto de 80 centros de múltiples comarcas do país, baixo a pregunta <<Cres que a alternativa á LOMCE e ao Plan Boloña é unha Lei Galega de Educación?>>, e presentaremos os resultados do mesmo na Consellaría de Educación, para demostrar que as estudantes galegas queremos ser partícipes da construción dun outro modelo de ensino” – afirmou Iria Figueroa.
Desde Erguer adiantamos que, nas distintas asembleas abertas que vimos realizando, as principais reclamacións do estudantado son un maior número de horas lectivas en galego, especialmente na universidade, e unha forma de aprendizaxe máis práctica e pedagóxica no ensino medio. A cuestións como estas, engadimos a necesidade de que a Xunta de Galiza recupere as competencias en materia de educación que lle foron arrebatadas pola LOMCE, que como ben dixo o ex-ministro Wert era un medio para <<españolizar>> as estudantes. “Fica claro que o Estado español só sabe actuar a golpe de imposición, como se está a ver estes días en Catalunya, e fronte a iso nós reclamamos o poder decisorio do estudantado sobre aquelas cuestións que nos afectan” – explicou Iria Figueroa.
Para a folga estudantil do próximo 16 de novembro, desde Erguer convocaremos mobilizacións ás 12 da mañá nas sete cidades e noutras vilas que anunciaremos proximamente.
COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *