Este 19 de abril saímos ás rúas por unha Lei Galega de Educación!

Desde Erguer. Estudantes da Galiza lanzamos esta mañá a convocatoria dunha folga estudantil, tanto en ensino medio como superior, para o vindeiro xoves 19 de abril. Presentamos a convocatoria nesta data xunto con outros axentes estudantís, e desde Erguer facémolo de novo baixo o lema “Nin LOMCE nin pacto entre elites, por unha Lei Galega de Educación!”. O obxectivo é xerar unha continuidade respecto á folga do pasado 16 de novembro, na que saímos ás rúas tamén baixo ese lema, para continuar incidindo na necesidade de termos unha lei educativa propia en Galiza, que rache co contido neoliberal e españolizador da LOMCE e do Plan Boloña.

Nesta liña, esiximos a derrogación da LOMCE e o mantemento da moratoria para a aplicación do Decreto do 3+2 en Galiza, como paso fundamental para camiñar cara á creación dunha Lei Galega de Educación que parta dun proceso participativo do conxunto da comunidade educativa. Profesorado, estudantes, persoal dos centros e familias precisamos ter voz como axente fronte a calquera lei educativa, no canto de termos un papel marxinal como aconteceu coa elaboración da LOMCE.

Precisamos unha lei que garanta un ensino accesible para todas as estudantes de clase traballadora, fomentando o aumento das partidas orzamentarias para o ensino público e prohibindo calquera tipo de subvención ou concerto con centros privados. É necesario un marco educativo propio para o noso país que garanta que poidamos estudar na nosa lingua a través do estrito cumprimento do Plan Xeral de Normalización Lingüística, que a LOMCE vulnera. Unha Lei Galega de Educación deseñada pola comunidade educativa é a oportunidade para reverter todas as medidas neoliberais aplicadas no noso sistema educativo e para construír un modelo distinto, pensado por e para as estudantes galegas: un ensino pedagóxico, feminista, democrático, público e de calidade.

O 19 de abril queremos baleirar as aulas para loitar por ese modelo de ensino nas rúas, en mobilizacións en numerosas cidades e vilas de todo o país que se anunciarán proximamente.

COMPARTIR <BR /> PARTILHAR <BR />Share on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on Google+
Google+

Un comentario

  • […] Galiza Nova chamamos a todo o estudantado galego a participar na folga estudantil convocada pola organización estudantil nacionalista Erguer. Estudantes da Galiza entre outros axentes. Despois de apoiar as mobilizacións de Erguer. Estudantes da Galiza o pasado […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *