Este 8 de marzo paremos as aulas! Por Claudia Rivera

O 8 de marzo non é unha data calquera, non é un simple cadrado no calendario que pon “Día Internacional da Muller”, non somos homenaxeadas porque se nos atribuíra esa data. O 8 de marzo agocha loita, raiba, coraxe, valentía, sororidade e dignidade. Agocha as axitacións do 1857 en NI nas fábricas textís, mesmo ano no que en Galiza se daba a primeira folga de mulleres na Fábrica de Tabacos na Coruña. Agocha as mortes en 1909 de mulleres calcinadas polas condicións nas que traballaban, as xornadas de máis de 12 horas e os salarios miserábeis. En definitiva, non hai nada que festexar, pero si moito que reivindicar.

 

Falamos de todas estas mulleres que se rebelaron contra o maltrato laboral con admiración, caendo no conformismo ao crer que estas datas xa nos quedan lonxe. Pensamos que mudou a nosa situación, que subimos na escala social e que cada vez imos acadando esa igualdade da que tanto nos falan, e que pouco cumpren.

 

Este 8 de marzo, moitos dos sindicatos obreiros do Estado se puxeron de acordo para convocar unha folga xeral de mulleres, respostando os continuos ataques que sufrimos por nacer mulleres.

 

A fenda salarial non é un mito. Existe, en Galiza, un 10% (segundo o IGE) de diferenza entre homes e mulleres nos traballos con salarios baixos; isto é, que se xa de por si, sendo de clase obreira, as condicións laborais e salariais levan a marca da precariedade, sermos mulleres agrava aínda máis a situación.

 

No ámbito estudantil seguimos a ter moitas eivas, a educación sexista segue a ser o pan de cada día. Financiando os colexios concertados con diñeiro público, segregando por sexo, estanse perdendo recursos en prexuízo da educación pública e o seu desenvolvemento como oportunidades das estudantes para acceder a unha educación digna. “Se estudas, terás traballo”, a gran mentira. Recorrendo novamente ao IGE, no 2017, 11.626 homes estaban rexistrados no paro, sendo 24.903 mulleres, dentro de Galiza, ambos con estudos post-secundarios rematados.

 

Desde Erguer, apoiamos a folga e os paróns que se leven a cabo nos centros de ensino e nas cidades de forma non mixta e incitamos ás estudantes a que se unan para que non quede nunha simple anécdota. Lembremos e sigamos o exemplo das obreiras nos centros de traballo, rebelémonos contra a sociedade patriarcal e o capitalismo. Levemos por bandeira o feminismo galego e de clase.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter
Share on Google+
Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *