Fóra as entidades bancarias do noso ensino!

O xornal “La Voz de Galicia” publicaba nestes días que “Afundación”, obra social de Abanca, a entidade bancaria pertencente ao grupo Banesco, presentou un proxecto para crear a primeira universidade privada da Galiza que está en vías de ser aprobado pola Xunta de Galiza e a Conferencia Xeral de Política Universitaria.

 

Máis unha vez, vemos como o goberno da Xunta de Galiza é cómplice da privatización e mercantilización do ensino galego, poñendo o gran capital por riba dos intereses das estudantes. Non é nada novo visto o camiño que o goberno de Feijóo leva anos aplicando á universidade galega, converténdoa nunha ferramenta ao servizo da empresa privada. Observamos, facendo seguimento das políticas de educación que está aplicando o Partido Popular, como se intenta polarizar o acceso ao ensino de calidade impedindo que as clases populares poidan recibir unha formación que non as condene á precariedade.

 

Non debemos esquecer que no ámbito da empresa privada nada se fai ao azar e é por iso que debemos ter en conta que o obxectivo de “Afundación” é centrarse nos estudos empresariais, deixando así claramente reflectidos os intereses nos que se cimenta este proxecto. Non é unha “obra altruísta” e “sen ánimo de lucro” se non que ten o claro obxectivo de ser rendible, se non no económico, coa incorporación de novas persoas ao mercado laboral formadas baixo as bases do sistema capitalista.

 

Desde Erguer. Estudantes da Galiza, lembramos que defender o público é defender o futuro e opoñerémonos sempre ás tentativas de mercantilización e privatización do ensino galego que condenan ás estudantes a un futuro laboral precario e incerto e, fronte a estas políticas, seguiremos loitando, nas aulas e nas rúas, por un ensino público, galego, de calidade, non patriarcal e laico.

 

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará