Galiza orgullosa e diversa!

O 28 de Xuño conmemórase o aniversario dos disturbios de Stonewall, un acontecemento que marcou un antes e un despois na visibilidade do colectivo LGTBI e na loita como medio para conquistar os nosos dereitos. Porén, na actualidade, as persoas pertencentes a este colectivo continúan a ser discriminadas no marco legal e social e sucédense as agresións lgtbifobas. É este pois un día máis para erguernos con orgullo e reivindicar un ensino diferente nunha sociedade libre e diversa.

No contexto actual de recortes de liberdades e dereitos e no que se estenden con impunidade os dicursos lgtbifobos da dereita, é preciso loitarmos con forza contra as políticas retrógadas do Partido Popular, que afectan tamén ao noso ensino. Rexeitamos a LOMCE e pulamos por un sistema educativo diferente, que non invisibilice nin discrimine aquilo que se aparta da heteronorma.

É necesario incluír a diversidade sexual e de identidade de xénero nos programas escolares, así como formar o persoal educativo ao respecto. Precisamos unha educación que combata a lgtbifobia dende as idades máis temperás e que conte con medios e protocolos contra o acoso.

Outra das necesidades do noso ensino é unha educación afectivo sexual que forme en igualdade, na liberdade e no respecto ás demais. Unha educación libre de esteorotipos e que ofreza máis posibilidades alén da heterosexualidade.

No sistema universitario tamén queda moito por traballar. As manifestacións lgtbifobas non pasan desapercibidas e non podemos permitir que individuos coma Domingo Neira exerzan como docentes nos centros do noso país. Esiximos que as Universidades sancionen calquera comportamento que fomente o odio, tanto por parte do estudantado como do profesorado.

O ensino é a mellor vía para combater estas actitudes, loitamos por un sitema educativo diferente para construír entre todas a Galiza orgullosa e diversa!

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *