Liberdade para todos os pobos do mundo! Artigo de María Seijas

A universidade non só é unha etapa na que estudar un temario, é tamén unha etapa na que moitas rapazas que aínda non colleran conciencia política antes, ao marcharen da casa ou ao cambiar dun ambiente tan protexido e guiado como é o instituto e pasar ao ambiente universitario, comezamos a darnos conta da situación social e política na que vivimos. É unha etapa na que moitas de nós comezamos a preguntarnos como podemos mellorar esa situación e comezamos a mobilizarnos e organizarnos para reclamar os nosos dereitos e defendernos dos ataques que continuamente estamos a sufrir por parte do Estado. Con motivo destas inquedanzas e de organizar o estudantado na Galiza nace a nosa organización, na que non só impulsamos a autoorganización do estudantado galego para xuntas defendermos os nosos dereitos, senon que tamén tratamos de solidazarnos co estudantado e coa sociedade doutros moitos pobos oprimidos, dándolles a nosa axuda e apoio na medida das nosas posibilidades.
Ultimamente escoitamos día si e día tamén como os medios de comunicación nos bombardean tentando convencernos de que un goberno que decide preguntar ao seu pobo que é o que quere actúa de forma antidemocrática e, poren, o goberno que vixía e requisa material a imprentas e ameaza a funcionarios e políticos é totalmente democrático (por moito que estas accións nos recorden a un estado ditatorial). Si, estou a falar do conflito de Catalunya.
Catalunya, como Galiza, é unha nación oprimida polo Estado español, é unha nación que nos está demostrando que a loita pola soberanía dos pobos non está perdida e non se rende por moito que a queiran fundir. Nesta loita non só participan os políticos que vemos por televisión, moita xente de a pé está loitando por unha tolería tan grande como que se lles permita votar, e entre esta xente de a pé por suposto non se queda atrás a comunidade universitaria que sempre foi un piar base das loitas sociais.
Con motivo da defensa deste dereito no eido estudantil nace en Catalunya a plataforma Universitats per la República, na que tanto estudantes coma profesoras se unen para asegurar a celebración do referendo este primeiro de outubro e para impulsar e tratar de incrementar a participación neste da comunidade educativa.
Desde Erguer apoiamos a plataforma e os seus obxectivos, entendendo que o pobo catalán ten todo o dereito a decidir sobre a súa soberanía, e por ese motivo o pasado 9 de setembro acudimos a un acto internacional xunto con organizacións estudantís de todas as nacións europeas para apoiar a loita de Universitats per la República, asinar o seu manifesto e desexarlles todos os éxitos no gran avance histórico e democrático que é e será a realización do referendo o próximo primeiro de outubro.

Liberdade para todos os pobos do mundo!

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *