Nas Aulas da Galiza, Queremos Galego

Unha profesora do IES Enrique Muruais, vén de ser apercibida pola Administración por dar as súas clases de matemáticas en galego. Parece cousa doutro mundo e chama aínda máis a atención nun contexto no que as forzas máis reaccionarias do réxime denuncian unha suposta “imposición del gallego”. O certo é que na Galiza hai tempo que vivimos a imposición dunha lingua, e non é o galego. As políticas lingüicidas do PP tradúcense nunha alarmante perda de falantes. No ensino, o Decreto de Plurilingüismo do ano 2010 foi deseñado de xeito que a introdución do inglés fose sempre en prexuízo do galego, e mesmo marcaba a obrigatoriedade de impartir as materias técnicas en castelán.

Coa LOMCE limitouse a presenza da nosa lingua no ensino. O alumnado da ESO ten 31 horas de clase en español fronte a 18 en galego se cursa ensinanzas aplicadas, e 21 se cursa ensinanzas académicas. Polo tanto, na ESO recibimos entre 10 e 13 horas de docencia menos en galego que en castelán, o cal é unha agresión brutal á nosa lingua por parte do goberno do Estado e da submisa Xunta de Galiza.

Na Universidade, apenas unha de cada 5 horas dos nosos graos son impartidas en galego, o que representa unha presenza da nosa lingua nas aulas mísera. Nos mestrados, as horas de docencia en español tamén superan ás de galego. Nalgunhas titulacións o galego está incluso ausente por completo, e as materias impártense enteiramente en castelán. Ademais, a miúdo se vulnera o noso dereito a examinarnos en galego.

É inadmisíbel que se nos negue o dereito a estudar na nosa lingua. A normalización do idioma non pode ser efectiva se perde cada vez máis terreo nas aulas, e polo tanto entre a mocidade.

Nas aulas da Galiza: QUEREMOS GALEGO

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *