O Rei da Noite no ensino público: A filosofía perante o muro

Reparamos que a filosofía é a día de hoxe no ensino público do Estado español unha sorte de camiñante branco do cal descoñecemos en boa parte a súa orixe e que habita nun lugar inhóspito e frío, se ben aínda así comanda baixo o seu poder un exército de guerreiros da mesma natureza e tan perigosos como facerse preguntas incómodas. Sen lugar a dúbidas, este exército de non-vivos (mais non-mortos) andantes, son todas as disciplinas de saber dunha educación relegadas tras un muro de contención que aínda aspiramos a que emprendan a súa marcha nun revolucionario inverno que levamos moitas tempadas agardando por vir. Para irmos encarrilando, imos repasar brevemente as preguntas básicas que nos sitúen na situación na que se acha hoxe a filosofía no ensino público.

 

A filosofía que. A filosofía é… puntos suspensivos, e estamos de acordo antes aínda de chegar o predicado da oración. A partir deste é do cal xorde o interesante, o elemental. A filosofía, entón, interésanos por iso mesmo: pola continxencia de usos que os distintos predicados poden ofrecer. Só así é posíbel xustificar o noso interese e de subliñar a súa imperiosa necesidade por aparecer, queirámolo ou non, acorde co seu impulso e intención. Non pode haber educación sen respectar a natureza dos saberes que procuran por si mesmos situárense. A filosofía como a vella árbore de saberes e o ensino cheo de eucaliptos… (Como se mata un camiñante branco?)

 

A filosofía como. Temos, como mínimo, dúas opcións: deixarmos escoller unha gaiola, máis grande, cos barretes dourados, máis pequena, amoblada, ou ben poñérmonos ao redor dela (ou virando os pupitres, en forma de U). A dicotomía é clara: a filosofía desde o púlpito onde o cura predica pérolas de sabedoría, ou desde a equidistancia e en pé de igualdade. Unha filosofía radicalmente democrática, requisito para fomentar uns alicerces políticos de individuos comprometidos na vida pública, e máis logo, para lle dar voz a quen non dispón dela. A filosofía como base ético-política para suxeitos e voces activas e pasivas.

 

A filosofía onde. Está no ensino, nos taboeiros, nos chíos nas redes sociais, no convencemento individual xeneralizado… curiosamente, podemos achala até na sopa. Os tronistas, as superestrelas e os libros de autoaxuda din teren a súa propia filosofía. Mesmo está na publicidade. De feito, a filosofía viste hoxe de marca e estraga os recursos en cosméticos. A filosofía, da que sempre se dixo que o seu era andar espida. A filosofía nalgures, mais se cadra, desorientada.

 

A filosofía cando. Ben cando pode e cando pode vén. Apareceu como unha máis facéndose un oco co resto de materias, mais ocupando o seu espazo reservado. Máis adiante dividiuse en tres cursos (curiosamente, foi cando máis presente estivo xunto coas compañeiras dos departamentos). A esta altura, a filosofía case non pisa o instituto e cando o fai senta ao fondo da aula. Mesmo unha estudante pode decidir non cadraren na mesma clase. Poderiamos falar de bullying, coa particularidade de que o abusador semella intocábel e ten cara de Ministro. Quizais o abusador prefira dicir “discriminación positiva”, pois cadaquén debe ficar onde lle corresponder. A filosofía cando cadra, sentindo que ocupou sempre o lugar reducido que lle deixaron.

 

 

A filosofía por que. Aquí dámos coa dobre pregunta de: Está mal a filosofía en si, ou está mal porque se contempla incorrectamente nos plans de estudo? Por extensión, da situación da filosofía no ensino, descríbese a saúde e eficacia do ensino mesmo. Se a filosofía está mal, as matemáticas, as linguas e mais o recreo están mal. Non digamos a música, as artes plásticas ou a educación física, tratadas como materias menores dentro do marco de competencia polos “saberes duros”. Di un filósofo actual que “a filosofía non serve para nada, e xusto por iso, debería servir para gobernar”. A filosofía como pedra angular do saber desinteresado, valla a redundancia. Alén “das saídas laborais”, de “se entra ou se non entra no exame”, de “para que vou querer aplicar isto na vida cotiá”… son consecuencias dun sistema que nos converte en máquinas de produción, e polo cal percibimos o risco do colapso se aprendemos ou facemos algo “inútil” que nos faga perder un sobrevalorado tempo. O máis importante é a nota, despois xa haberá tempo a aprender, ou a esquecer e apartar esa incómoda etapa. A orde dos factores si altera o produto, e de feito, ponse xusto do revés. Entón, a filosofía baixo esta lóxica é de todo menos útil. Porén, poderiamos quedar coa serie de tópicos que arrastra: amor á sabedoría, ir ás cousas mesmas, cuestionar absolutamente todo… mais o certo é que agora non nos interesa achegarmos ningunha definición. A filosofía válenos polo que nos poida ofrecer, porque a diferenza das ciencias, non tratamos de medir o mundo coas súas ferramentas, e menos, de pórlle un valor de mercado. A filosofía por oposición frontal ao fetichismo, e como apoloxía ao respecto pola esencia das cousas.

 

Para concluír, a filosofía quen, e aquí temos poucas dúbidas. O Ministerio de Educación, encabezado no seu principio polo promotor da Lei Orgánica pola Mellora da Calidade Educativa, o ex-ministro Wert, aprobou unha lei inxusta de xeito unitaleral por unha minoría cunha ampla sociedade en contra. Con todo, a LOMCE foi recorrida polos grupos parlamentarios do Congreso mediante a aprobación dunha proposición de lei, e chegouse ao acordo de crear unha Subcomisión de Estado para deseñar un “Pacto de Estado social e político pola Educación”, co gallo de a substituír por unha nova. En Galiza o contexto pasou por convocar por parte da única facultade de filosofía do país un Encontro interacadémico entre o profesorado de filosofía para redactar unha proposta conxunta para mudar na medida do posíbel o marco da LOMCE a nivel galego no eido da filosofía, se ben en cada Comunidade a súa aplicación levouse a cabo de xeito totalmente asimétrico.

Nin a filosofía está como debería nin estando mellor estaría, xunto co resto de saberes dentro do conxunto dos plans de educación contemplados até agora, nunha situación que poidamos aceptar de xusta; agora ben: á espera do mellor dos escenarios, a presenza lectiva da filosofía no ensino público é incontestábel, e así o amosou boa parte do estudantado a través de comunicados, peches en centros e manifestacións. Xunto cos colectivos a prol da filosofía e do estudantado insubmiso e organizado, a reivindicación, exixencia e defensa da filosofía amósasenos fundamentais para derrubar os alicerces que fan augas dun sistema caduco que nos ofrecía unhas oportunidades formativas e laborais que agora simplemente non existen. Se loitamos para acadar un ensino que oferte educación en sentido estrito, calquera muro e calquera barreira que nolo impida ten que ser botado por terra para dar paso a un sistema xusto e con igualdade de oportunidades para todas as estudantes con independencia dos seus recursos. Desde Erguer reivindicamos, máis unha vez, o noso pleno dereito a unha educación efectiva que non nos marxine nunha pretendida minoría de idade, e iso pasa por superar calquera marco que centra os intereses do ensino na mercantilización do saber. Rexeitamos, máis unha vez, as políticas capitalistas manipulando e distorsionando o noso ensino público e as nosas decisións. Como suxeitos de dereito, en sentido amplo, non nos conformamos con menos.

Artigo de opinión de Hugo Reine

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *