Organizadas por un ensino público e de calidade!

Ensino público.

Temos ouvido esta expresión decenas, talvez centenas, de veces durante o noso paso pola escola. Mais realmente, que significa un “ensino público”?

Por definición entendemos que un Ensino público é aquel cuxa xestión é feita polo estado. Aquel deseñado para ser garante do acceso da totalidade da sociedade ao coñecemento e formación para desenvolver unha vida digna e plena.

Isto é a teoría. Por aquí todo ben. No entanto, a reivindicación de un ensino público e de calidade foi desde sempre e é, mais aínda na actualidade, unha constante que podemos atopar en calquera táboa de principios de absolutamente todas as organización estudantís ou sindicais actuantes no ensino.

Non se trata de unha casualidade, na actualidade, os ataques ao ensino público, en concreto na Galiza, por parte dos distintos gobernos tanto do PP como do PSOE, xa sexa desde o goberno central ou desde o autonómico, responden a unha política que busca transformar o sistema educativo nunha fábrica de futura man de obra, conducindo a unha especialización práctica cada vez maior e abolición das materias de formación crítica con un único fin: que as estudantes, futuros traballadores asalariados sexamos a peza perfecta do puzzle para encaixar no mundo laboral, só somos a nosa forza de traballo para o sustento do sistema de produción, e temos de ser dotados de coñecementos para apenas desenvolver este papel.

A este fenómeno sumámoslle unha maior vertente no noso país: o sistema educativo ten de aportar as primeiras pedras da nosa colonización como povo. Debe ser o garante da non existencia de ningunha diferencia da nosa realidade social. Non hai Galiza, non existe o povo galego, existe unha rexión con nome. Sen mais. Somos unha división administrativa, posta por quen sabe, arrancando de raíz calquera posibilidade de existencia a un ente colectivo. “Nós, un individuo, un papel na sociedade, e unha felicidade que depende só das nosas accións para o éxito social no sistema capitalista”.

Se ben a ruptura entre a realidade e o imaxinario sistémico que se nos traslada é cada vez maior, non é de estrañar que se nos negue un acceso aos estudos. A idea é simple: que estuden os ricos.

Na actualidade o acceso ao ensino universitario é complexo e dificultoso para os sectores populares, véndose esta fenda cada vez mais acentuada. Taxas abusivas e impensábeis para unha universidade “pública”, sumado a unha imposibilidade moitas veces de compatibilizar os estudos con traballo (que permita poder pagalos) grazas a nova aplicación do plan Boloña.

Con todo existe unha ferramenta: as bolsas, pensadas para axudar e facilitar a nosa posibilidade de acceso aos estudos. Este elemento tense visto non só reducido na cuantía dedicada anualmente a estas, senón a unha elitización e acceso reducido cada vez mais acusado –maior nota para o acceso, ou número de materias superadas-.

Todas sufrimos directamente ou temos compañeiras que viven un calvario constante para lograr acadar unha media só para non perder a beca, encontrándonos sometidas a enormes presións, pois isto non significa algo fulcral: para moitas é a diferencia entre poder continuar os estudos ou ter de deixalos, tal vez para sempre.

Dentro de un sistema inxusto, e con un ensino que é espello da realidade: desigual, xogar coas becas significa xogar con as nosas aspiracións vitais, significa quitarnos a posibilidade de estudar, de realizarnos, de acceder ao coñecemento. E non ficaremos indiferentes perante isto.

Desde Erguer, reclamamos unhas bolsas dignas, que realmente permitan acceder aos estudos ás clases populares, e sabes que a súa única defensa pasa por dous elementos: organización e combate. E organizadas estamos, e no combate estaremos.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará