Paróns de aulas ante a desprotección dos nosos montes

Perante a vaga de lumes que golpeou onte o noso país, hoxe o estudantado galego
paralizamos a nosa actividade diaria para mostrar a nosa máis absoluta solidariedade con
todas as vítimas e a nosa máis absoluta repulsa cara estes atentados, entendendo que a
defensa do noso monte non é so unha defensa do patrimonio natural, senón dunha forma
de sustento para as clases populares deste país.
A imaxe que se deu onte non é senón o froito de anos de políticas nefastas cara o
monte por parte do PP, unhas políticas que buscan no monte unha fonte de beneficios para
as grandes empresas e o monopolio das papeleiras e da especulación; unha política ao
servizo de ENCE, principal destrutor da economía e diversidade ecolóxica deste País. Unha
política criada para que o monte sexa un sector estreitamente dependente do eucalipto,
conducindo ao abandono do rural e aos grandes beneficios dos petos dos grandes
empresarios.
Non son de estrañar polo tanto os recortes en dispositivos de protección e
prevención que viñamos oíndo hai escasos días, alegando a que non eran necesarios para
o control do fogo, así como un descarado silencio partidista por parte das canles públicas.
No medio de tanta confusión, desinformación, descoordinación e incompetencia por parte
das autoridades, foi unha vez mais o pobo quen tomou parte e se armou de dignidade para
tender a man as unhas ás outras. Outra vez mans e capachos para facer fronte ao
desgoberno interesado, como cando o petróleo asolagaba as nosas costas.
Ante esta situación debemos pedir todas as explicacións aos representantes
políticos da Xunta e do Goberno Español e esixir as medidas acaidas pola inoperancia ante
esta situación de risco e por todos os anos de espolio nos nosos montes.
Comunicamos de igual forma a nosa solidariedade co pobo Asturiano e co pobo de
Portugal, cuxos montes onte tamén sufriron o abate do fogo. Así como agradecemos
sempre o traballo e risco que corren os profesionais que se xogan a vida para extinguir os
lumes, e a posta a disposición de efectivos neste campo polo goberno portugués, perante
unha situación de desleixo do Estado Español e dos desgobernantes na Xunta.
Onte o pobo galego deu unha vez máis unha imaxe de unidade e dignidade. Un
pobo que non dubida un segundo en saír á rúa a actuar, a defender o noso patrimonio
material e as nosas vidas. Mentres os dirixentes da Xunta da Galiza daban escusas vacuas,
o pobo galego foi quen de frear os lumes que os estaban a rodear sen axuda algunha do goberno autonómico e do goberno central. Unha vez máis ficou claro que só o pobo salva ao pobo!
COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará