Patriarcado: Nin nas aulas nin nas rúas!

Un 25 de novembro máis, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres denunciamos a violencia sistemática á que todas e cada unha de nós nos temos que enfrontar na nosa vida diaria por razóns de xénero. Esta violencia aparece en todos os espazos e o ámbito académico non é, desde logo, unha excepción.

Xa sexa por parte dos propios compañeiros, dos profesores que se atopan nunha escala superior á nosa nunha xerarquía de poder e mesmo das institucións, que continúan a reproducir e perpetuar os roles de xénero no ensino, as mulleres sufrimos violencia machista nas aulas en todas as súas formas desde que temos idade escolar. Ante os casos de acoso, vexacións, abusos sexuais e violencia física de todo tipo, entre outros, a responsabilidade cárgase habitualmente sobre as vítimas.

A actitude dos centros adoita ser irresponsábel ao non fornecer ás vítimas de ningún tipo de protección nin preocupárense de facerse cun protocolo de prevención e actuación ante os casos de violencia contra as mulleres. Os centros de ensino non só non contan, por norma xeral, cun protocolo serio, senón que teiman en protexer aos agresores cando son membros do profesorado como vén ocorrendo na USC con Luciano Méndez ou Domingo Neira, este último denunciado por comentarios homófobos.

O abandono de responsabilidades por parte de quen posúe ferramentas directas para combater a violencia contra as mulleres no ensino perpetúa este tipo de agresións e a falta de seguridade nos nosos espazos académicos suma un peso máis co que as mozas temos que cargar á hora de sairmos á rúa. Somos nós as que nos vemos obrigadas a desenvolver a nosa vida diaria con medo en lugar de coa absoluta liberdade que nos corresponde.

 

Desde Erguer.Estudantes da Galiza sumámonos á denuncia colectiva que supón este 25 de novembro e reiteramos, unha vez máis, que a loita feminista debe ser transversal a todos os ámbitos das nosas vidas, incluído o ensino. O feminismo debe ser un eixo fundamental tanto na fomación do profesorado como nos programas académicos ofertados ao estudantado, para conseguirmos a presenza da perspectiva de xénero en todos os ámbitos e atacar así á raíz do problema estrutural que supón o patriarcado.

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *