QUE ESTUDEN OS RICOS, artigo de María Alonso

Outro ano máis, o estudantado galego terá que presentarse á proba de acceso á Universidade (ABAU); un conxunto de exames que limitan as opcións de estudo e son só unha parte máis da Lei Educativa española deseñada de costas á realidade galega e á comunidade educativa, sen ternos en conta a nós as estudantes galegas que fomos as primeiras en estarmos en contra de dita lei.

A existencia destas probas constitúe un impendimento para o estudantado, inclusive as mozas con nesesidades específicas na aprendizaxe.

Dedicamos anos de preparación que se demostran nuns poucos días, sendo decisivo para o noso futuro; ademais de confiarse a avaliación de dito exame a un profesorado externo que non está connosco día a día nin coñece o noso progreso; desaparecendo a availación continua. Redúcese o ensino desta maneira a estudar e facer exames, e a non educar en eidos tan importantes como é o socio-afectivo, cultural ou incluso político.

Continuando cos motivos para estarmos en contra, atopamos como esta proba está completamente elitizada; posto que algunhas das alumnas que non consigan a nota necesaria accederán a unha carreira que non lles interese ou á privada onde a nota sexa inferior á suposta publica, xa que acceder a esta tamén conleva uns gastos que en moitos casos non poden ser afrontados polas familias, e as bolsas ás que se ten acceso non cubren os gastos reais. Preténdese que os estudos superiores sexan para uns poucos: para os ricos.

A presión e a cantidade de temario -visto está na ampliación de temas en Historia de España, engadindo un século máis como estratexia para pasar por riba contidos de gran transcendencia como a ditadura, e así tentar que a mocidade non teña capacidade crítica- non axudan durante o curso académico, facendo que moitas estudantes abandonen o bacharelato. Porén, para o resto de estudantado este convírtese nunha competición para ver quen obtén a máxima nota.

Por outra parte, a chegada da LOMCE vén acompañada da materia de Relixión, que computa para a media; e en moitos casos chega a ser unha materia obrigatoria pola dificultade de estructuración dos horarios e non ter máis opcións ou pola facilidade de sacar boa nota. Mostra clara dun ensino que está lonxe de ser laico, e tamén de cales son as prioridades do Estado español.

A maiores, o actual sistema educativo lonxe de fomentar o uso do galego sigue sendo favorable ao uso do castelán, podendo denominala claramente galegófoba; e mira cara outro lado cando non se imparten as asignaturas na nosa lingua. Pese a que haxa que dar unha cantidade equitativa de horas lectivas en galego e castelán, na práctica isto non se aplica. A maiores, non promove a cultura e historia galega, por ser competencia do estado español e non propiamente galego. Con isto consiguen fomentar prexuízos sobre o idioma e dificultar a libre expresión deste convertíndoa en non vehicular.

Desta maneira o último obxectivo da Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) é a formación de mozas e mozos, buscando xente non crítica que non cuestione as súas decisións represivas.

Dende Erguer. Estudantes da Galiza esiximos o fin destas probas xa que buscan un ensino onde a avaliación continua é reemprazada por un modelo retrógrado, antipedagóxico, neoliberal, elitizado, machista, confesional e con materias de primeira e de segunda.

A construción dun ensino público, galego, democrático, de calidade e feminista que si teña en conta as nosas necesidades, pasa pola total derrogación da LOMCE; ensino que acadaremos cunha Lei galega de educación.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *