Quen somos?
Despois de varios anos realizando accións coxuntas no seo da loita estudantil, a mediados de 2015 as tres organizacións estudiantís nacionalistas e independentistas (Agir, Comités e Liga Estudantil Galega) anunciabamos a intención de comezar a camiñar cara á unidade orgánica, poñendo en común unha serie de mínimos e obxectivos. O pasado setembro comezamos con este proceso destinado á constitución dunha nova organización estudantil para Galiza. Así comezamos con asembleas abertas por todo o país, que despois dun cuadrimestre de posta en común concluíron o 5 de marzo coa Asemblea Nacional Constituínte de Erguer. Estudantes da Galiza.
Erguer. Estudantes da Galiza é a ferramenta unitaria do estudantado galego, formada neste 2016 a través dun proceso de asembleas abertas nas que se colectivizou o proxecto entre o estudantado de todo o país. As estudantes non organizadas até o momento, xunto ás membros destas tres organizacións, unímonos o pasado 5 de marzo en Compostela, baixo o lema “Libera e transforma Galiza desde as aulas”. Así naceu Erguer como nova organización que une o estudantado nacionalista e independentista galego.
A partir de entón, continuamos coas loitas que desde o nacemento do movemento estudantil en Galiza se veñen levando a cabo, traballando por un ensino galego, público, democrático, laico, de calidade e non patriarcal.
Desde Erguer. Estudantes da Galiza loitamos por un ensino público, ao servizo do pobo galego e pensado por e para Galiza!