Queremos un ensino público, galego, laico e antipatriarcal!

Mañá, mércores 7 de xuño, o estudantado galego de segundo de Bacharelato comeza a Proba de Acceso á Universidade (ABAU). Esta nova proba nace da LOMCE, unha lei que supón o máximo expoñente da españolización e privatización do noso ensino.
Así, temos unha lei educativa que reduce Lingua e Literatura Galega a unha materia de Libre Configuración Autonómica, permitindo a redución de horas desta; suprime a Filosofía como materia obrigatoria, facéndoa imposíbel de escoller para moitas alumnas pola configuración dos horarios, e comeza a contar a Relixión para a media do Bacharelato, sendo unha materia coa que adoita ser sinxelo obter boas notas, co que se tenta que a escollan máis alumnas. O goberno español deixou claro ao servizo de quen está. Búscase que o alumnado, ou as que poden permitirse acceder á universidade, estude as carreiras que o mercado demanda, sen importar para nada a nosa aprendizaxe nin formación.

A ABAU é o punto final desta lei: consegue reducir dous cursos con 27 horas e media de clase semanais, máis o tempo de estudo, a tres días de exame nos que pouco máis podemos facer que memorizar contidos e cuspilos neles.
As alumnas de 2° de Bacharelato comezamos o curso coa presión da realización dunha proba que decidiría o noso futuro, da cal apenas sabiamos nada, prexudicando tanto ás alumnas como a un profesorado confuso. Non é ata despois de Nadal que comezamos a saber en que consistirían os exames, xunto coa nova de que varias materias que estabamos a cursar este ano non ían ser avaliábeis na proba.
Ata o terceiro trimestre non soubemos as ponderacións, que acabaron mudando de forma moi significativa para varios graos. Isto levou a que nos matriculáramonos nunhas condicións que xa non son as vixentes, co prexuízo que isto supón no noso acceso á universidade.

A LOMCE non ten como obxectivo a nosa aprendizaxe, senón que só unha elite, que pode costearse clases adicionais e carreiras privadas, poida acceder ás ensinanzas superiores que desexe cursar. Imposibilita que as fillas de obreiras poidamos acceder á universidade, polos grandes custos económicos que supón, polas múltiples barreiras que a LOMCE nos impón ou pola pequena oferta de prazas nas carreiras. O capitalismo converteu o Bacharelato nunha competición : as túas compañeiras de clase son as túas contrincantes á hora de conseguir praza. Nós rexeitamos este modelo antipedagóxico. Non queremos ser máquinas que só reproducen o memorizado nin contrincantes na disputa por unha determinada nota: queremos estudar, formarnos e pensar por nós mesmas. Queremos un ensino público, galego, laico e antipatriarcal!

Artigo de Nerea Edreira

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *