SEN PROFESORADO QUE IMPARTA AS MATERIAS QUE ESCOLLEMOS

Nos últimos oito anos, desde o goberno da Xunta lévanse recortado case 2 000 millóns de euros no orzamento destinado ao ensino público. Contamos con cada vez menos unidades educativas, mentres ao mesmo tempo se multiplican as axudas ás privadas; a atención á diversidade conta cada ano con menos recursos, e, claro, o profesorado non só perde dereitos laborais, senón tamén prazas nos centros.

Neste primeiro curso de aplicación da LOMCE estamos a ver moi claras as consecuencias que ten este recorte das prazas na calidade do ensino recibido. O novo profesorado está sendo practicamente obrigado a estar cualificado para impartir máis dunha materia, como pode ser o exemplo dalgúns institutos nos que profesoras de Física teñen que dar tamén a materia de Debuxo Técnico para conseguir así unha boa configuración horaria con menor plantel de docentes. Isto supón que o profesorado non se
pode centrar, na práctica, na preparación das aulas que imparte do xeito que quererían e que máis beneficioso resultaría para a nosa formación.

Á súa vez, outro dos maiores problemas que trae consigo a falta de prazas suficientes é que obriga a moitos centros do país a ofrecer menos opcións de optativas para escoller, o que no Bacharelato implica dificultades para o alumnado á hora de cursarmos materias que nos ponderen para entrar nas carreiras ás que queiramos acceder. Isto supón un privilexio engadido para as elites que poden permitirse o ensino privado, xa que contan con moitas máis facilidades á hora de acceder ao ensino superior.

Esta falta de prazas trae consigo problemas á hora de configurar as matrículas escolares, como xa os vivimos durante este curso en varios institutos nos que Erguer interveu en apoio ás reivindicacións do estudantado. Foron os casos da Xunqueira II en Pontevedra e do Xelmírez II en Compostela, centros nos que non se ofertaban certas materias e nos que o alumnado estaba obrigado a escoller outras que non eran necesarias para acceder á súa carreira. Nestes institutos, incluso aquelas materias escollidas por maior cantidade de alumnas non tiñan garantía de seren impartidas no próximo curso, malia estar recollido na Lei que a vontade do estudantado debe ser a prioridade á hora de se ofreceren unhas ou outras materias.

Seguirmos a loitar nas rúas e nas aulas contra os recortes no ensino público é o camiño para mudar a realidade que se nos impón ás estudantes das clases populares. Coas mobilizacións na Xunqueira II e no Xelmírez II xa fomos quen de chamar a atención da Inspección Educativa sobre a situación que se vive neses centros, e nese camiño debemos seguir insistindo para paso a paso construír un ensino público galego e de calidade; un modelo totalmente distinto ao que a LOMCE nos impón e que desde o goberno da Xunta se ampara.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará