“Usa tus super poderes, ayuda a otra mujer a ser madre. Dona óvulos”:

Intervención do estudantado no claustro celebrado o pasado día 02/11 sobre o anuncio da Unidade de Reprodución Asistida da Rosaleda que está contido na axenda para estudantes da USC do ano 2017. No deseño aparece unha muller vestida de superheroína baixo o lema “Usa tus super poderes, ayuda a otra mujer a ser madre. Dona óvulos”:
“No Estado Español está prohibida a venda de corpos. Ningunha das aquí presentes poderíamos vender o noso sangue ou órganos, teríamos que donalos. O caso dos óvulos é un tanto especial, xa que funciona coma unha caste de venda encuberta. As mozas donantes reciben cuantías que rondan os 900€ en concepto de dietas e molestias. Novecentos euros, membros do claustro, son desde logo un reclamo importante para unha estudante en situación de precariedade como tantas de nós. Son, sobre todo, un reclamo, cando mostran a donación de óvulos como un acto altruísta, nomeadamente heroico, e non se molestan en mecionar os graves riscos que pode traer e de feito trae e xa trouxo consigo.
O procedemento de donación de óvulos non é sinxelo. Non donamos un óvulo, donamos ao redor de 20. Para conseguir isto provócannos unha hiperestimulación ovárica a base de atiborrarnos de hormonas que posibiliten o desenvolvemento desas 20 ovulacións. Isto pode provocar efectos irreversíbeis e tan serios como a perda de fertilidade, o adianto da menopausia ou infeccións serias nos ovarios e no útero. Súper heroico, verdade?
Todo isto para posibilitarlles o desexo, que non o dereito, da maternidade a mulleres que se poden permitir pagar os tratamentos. Mentras que en países como Alemaña a publicidade sobre este asunto está prohibida, a USC mete na súa axenda, que distribúe entre todas as estudantes, un anuncio a toda cor animándonos a donar óvulos sen mencionar ningún tipo de risco nin consecuencia. O que ten que facer a universidade, Sras e Sres, ademais de estar máis atenta para non promover este tipo de animaladas, é condenar tanto a desinformación como a violencia médica sobre os corpos das mulleres.
Nin pasa nada porque unha muller non sexa nai, nin donar óvulos é ningún acto idílico de heroismo sen consecuencias nin, desde logo, é de recibo que a USC, unha institución que se supón seria, trate este asunto cunha frivolidade que pon en risco a saúde das súas estudantes. Non falamos da posibilidade de que isto o curra no futuro, temos entre as mans os casos de rapazas con nome e apelidos que acudiron a donar óvulos alentadas por este anuncio e sufriron infeccións que paralizaron o desenvolvemento normal das súas vidas durante meses. Con estas cousas, Sr. Reitor, hai que ter coidado. Non se trata só dunha auténtica vergoña, é unha irresponsabilidade que está a poñer en perigo a nosa saúde. “

COMPARTIR
PARTILHAR
Share on FacebookTweet about this on TwitterShare on Google+

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *