Marcela e Elisa, nas aulas e nas rúas! Artigo de María Bará

Hoxe cúmprense 116 do primeiro casamento lésbico na Galiza e no Estado Español. Marcela e Elisa, protagonistas dunha historia extraordinaria para o seu tempo, casaban na igrexa de San Xurxo da Coruña o 8 de xuño de 1901.

Coñecéronse a mediados da década de 1880 na Escola Normal da Coruña, onde estudaban Maxisterio. Inician unha relación prohibida e para poder estar xuntas Elisa faise pasar por Mario, un mozo inglés. Corta o pelo, deixa bigote, viste roupas masculinas e comeza a fumar. Preséntase na Coruña como protestante e inicia os trámites para poder casar con Marcela. O cura Víctor Cortella oficia o casamento eclesiástico, descoñecedor da verdadeira identidade de Elisa.

Non obstante, pronto comezan a xurdir sospeitas entre a veciñanza. Recoñecen a Elisa e esixen examinar os seus xenitais para verificar que non se trata dun home. Perseguida polas autoridades, a parella foxe ao Porto. Mais tamén aquí as buscan e finalmente son detidas o 16 de agosto, acusadas dun delito de indocumentación, falsidade documental e travestismo no caso de Elisa. O Goberno español solicita a súa extradición e Marcela e Elisa foxen de novo, desta volta con destino a Bos Aires. Acompáñaas a filla de Marcela, nacida no Porto o 6 de xaneiro de 1902.

A historia destas galegas é un símbolo internacional, pois trátase do primeiro matrimonio lésbico do que se ten rexistro. O movemento LGTBI galego leva anos desenvolvendo homenaxes a Marcela e Elisa. Dende Erguer. Estudantes da Galiza, queremos sumarnos a esta homenaxe para reclamarmos unha maior visibilidade da diversidade sexual e da identidade de xénero.

Queremos estudar a Marcela e Elisa nos nosos libros de texto, coñecer a súa historia así como a de tantas outras mulleres continuamente invisibilizadas. Queremos que nos centros de ensino se traballe a diversidade e a liberdade sexual e por iso rexeitamos a LOMCE e as políticas retrógradas do Partido Popular. Precisamos un ensino diferente, que combata a lgtbifobia e fomente a diversidade.

Loitemos tamén dende as aulas por unha Galiza orgullosa e diversa!

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará