“O alumnado de 2º de bacharelato vivimos na incerteza”

               Son María Fuciños, unha rapaza do 2002 e estou a cursar segundo de bacharelato. Agora mesmo estamos vivindo unha situación complicada a nivel internacional. O COVID – 19 aféctanos en case todo os ámbitos da nosa vida, ou en maior ou menor medida inflúe sobre eles. Existen prioridades e temas de maior importancia, pero a min, como estudante, inflúeme especialmente a paralización das clases. En teoría, xa temos data para os exames de selectivo. Non vexo factible que despois desta crise vírica, de tanto confinamento e de tantas medidas tomadas para frear a epidemia nos vaian meter a un gran número de persoas na mesma aula durante tres días seguidos facendo exames. Non o vexo nin factible nin lóxico nin responsable.

               Por outra banda, como nos van avaliar este curso? A través das notas das dúas primeiras avaliacións? Onde quedan as recuperacións e os exames para subir nota de maio? Onde nos queda esa última oportunidade de terceira avaliación para subir a media? Porque a nota media de bacharelato segue contando un sesenta por cento da total. Nesta porcentaxe xogámonos moito.

               As medidas que se intentan levar a cabo durante este período de corentena deixan en inferioridade de condicións o ensino público unha vez máis. Todas as familias da privada posúen a capacidade económica suficiente como para ter á súa disposición todos os aparellos e materiais necesarios para traballar na casa. Teño moitas/os compañeiras/os que o están pasando realmente mal por non ter wi – fi na casa ou un ordenador onde poder traballar. Nos centros da pública, cada docente diríxese polos seus propios criterios e cada un toma as súas propias decisións para impartir temario. Esta disparidade prexudícanos a nós como alumnas/os. Temos mestras e mestres que realmente se están esforzando e poñen á nosa disposición o maior número de facilidades pero temos outras/os que nin sequera se puxeron en contacto con nós. Non obstante, nos centros privados, todos os docentes están dirixidos por un órgano común como é a dirección, o que fai que todos vaian a unha e isto resulta máis doado e sinxelo para a organización do alumnado.

                As/os alumnas/os de segundo de bacharelato vivimos na incerteza. Levamos dúas avaliacións machacándonos cos exames de ABAU doutros anos e con un temario concreto. Agora non sabemos como serán os exames nin o temario exacto que debemos preparar.

                Isto todo, a presión e agobio ao que estamos sometidas/os fan que aínda esteamos máis agobiadas/os e esta situación pode chegar a provocar trastornos psicolóxicos e ataques graves de ansiedade entre as mozas mozos. Xa impón bastante a ABAU como para agora ter que facela nestas circunstancias sen as axudas necesarias porque é certo que todas/os queremos rematar este curso tan duro e desfrutar das vacacións, que serán moito máis curtas; pero que nivel imos ter para ano? Con que base imos entrar nas nosas carreiras e ciclos formativos?

               Quero confiar en que todo sairá ben, con sorte e esforzo entraremos onde queríamos pero a verdade é que non vai ser sinxelo e sentímonos abandonadas/os e desamparadas/os.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *