O ENSINO MEDIO EM FOLGA CONTRA A LOMQE

As estudantes de ensino medio viven asustadas desde que comezou este curso 2016-17, porque as rodea a máis absoluta incerteza sobre como serán as reválidas que as agardan ao final do ano. Como serán esas probas, cales serán os contidos que se inclúan nas mesmas ou que materias entrarán en cada apartado son aínda, a piques de comezar o mes de decembro, preguntas sen resposta. O alumnado que aínda non sabe como se vai examinar para acceder á universidade sente que o único lóxico é que se paralice a LOMCE neste curso, e ese debe ser o primeiro paso para acadarmos a derrogación dunha lei que distingue entre estudantes de primeira e de segunda.

Coa única escusa da uniformización con outros países europeos, aplicouse ás présas unha lei que racha con todo principio de avaliación continua e que nos condena a que unha única proba sexa o que determine se obtemos ou non o título, independentemente de que teñamos aprobado todos os cursos da etapa educativa en cuestión. Suspender esta reválida déixanos coa única opción do retroceso no sistema educativo. A todo isto súmase a redución de horas do galego como lingua vehicular, a recentralización de competencias educativas, a irrupción das empresas privadas no ensino público a través da Formación Profesional Dual, o cómputo da materia de Relixión para a media e outras moitas medidas que liquidan a igualdade de oportunidades e entenden o ensino como un negocio.

O pasado 20 de outubro, Erguer organizou un referendo sobre a LOMCE en 30 centros de ensino medio de 20 comarcas diferentes, e das 5000 estudantes que votaron, un 99% fixérono en contra da lei. O resultado non puido ser máis aplastante, e isto incomodou moito á Consellaría de Educación, que deu comezo a unha caza de bruxas nos centros nos que se realizara a votación. A inspección educativa deu aos institutos, preguntando se colaboraran na organización do referendo ou cantas estudantes participaran do mesmo, a sensación de que permitir que unha organización estudantil faga actividade nun centro de ensino é algo ilegal. O goberno da Xunta é consciente de que o estudantado non quere reválidas nin LOMCE, e tamén o é o do Estado, con Rajoy facendo declaracións para tentar calmar as augas, como a da paralización do valor académico das reválidas, aspecto que para este curso xa estaba contemplado no calendario de aplicación da LOMCE.

O paso que temos que dar agora as estudantes é o da mobilización, o da loita na rúa após o traballo constante nos centros de ensino medio, o do empoderamento do estudantado en torno a unha ferramenta na que organizarnos e a través da cal poidamos alzar a nosa voz. Ese paso darase o próximo 24 de novembro nunha folga masiva, con manifestacións e concentracións convocadas por Erguer en dezasete cidades e vilas de Galiza. Queremos que ese paso sexa o que force a paralización da LOMCE, e continuarémolo con moitos outros até que a derroguemos.

Artigo de Iria Figueroa publicado no Sermos Galiza

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser o primeiro

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *