Resolucións da nosa I Asemblea Nacional
A nosa I Asemblea Nacional aprobou as seguintes resolucións:
- Amosamos o noso total rexeitamento á LOMCE e a calquera outro pacto posterior que supoña unha mera maquillaxe da mesma e siga sendo deseñada de costas á comunidade educativa galega.
- Esiximos a elaboración dunha Lei Educativa Galega que teña en conta a todos os axentes da comunidade educativa e en especial ao estudantado, que supoña unha xestión plena de competencias en materia de educación para a Xunta de Galiza e que afecte a todos os niveis educativos, exercendo tamén unha mudanza radical no ensino tal como está concibido hoxe.
- Reclamamos a non aplicación do Decreto do 3+2 nin nos graos de nova creación nin nos xa existentes, por ser esta unha medida que ataca ao estudantado popular galego e liquida a igualdade de oportunidades no ensino público.
- A I Asemblea Nacional de Erguer. Estudantes da Galiza expresa a súa firme vontade de que o traballo de proximidade nos centros de ensino sexa a vía fundamental de incidencia para a nosa organización.
- A I Asemblea Nacional de Erguer. Estudantes da Galiza esixe á USC a retirada da denuncia contra as 10 estudantes procesadas pola mobilización que rematou coa irrupción no Consello de Goberno de dita Universidade no ano 2014.
- A I Asemblea Nacional de Erguer. Estudantes da Galiza manifesta a súa oposición á venda do Hospital de Galeras, saúda o nacemento da plataforma aberta unitaria Compostela Non Se Vende e denuncia a responsabilidade da USC e do goberno local de Compostela Aberta neste novo exercicio especulativo, que encadramos nun contexto de constante agresión ao público, ao que é de todas.
- Denunciamos a actitude represiva levada a cabo pola Inspección Educativa após a nosa xornada de referendo sobre a LOMCE, na que tentaron criminalizar aos centros que permitiron realizala.
- Reafirmamos a nosa loita por un ensino feminista e, polo tanto, esiximos a inmediata expulsión de Luciano Méndez como docente na USC polos seus comentarios e agresións machistas cara ás alumnas.
- Expresamos o noso absoluto rexeitamento ante a actitude pasiva da Universidade de Vigo fronte as agresións machistas acontecidas nunha festa da Facultade de Ciencias Experimentais.
- A I Asemblea Nacional de Erguer. Estudantes da Galiza manifesta a súa solidariedade coas presas independentistas galegas, esixe a súa inmediata posta en liberdade e denuncia a sistemática vulneración dos dereitos destas persoas, especialmente a ilegal e inhumana dispersión penitenciaria.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira