COMUNICADO

1. Explicación da natureza do comunicado.
No día de hoxe Erguer. Estudantes da Galiza sufriu numerosas baixas coordinadas e vinculadas a un comunicado en redes sociais e da cal as persoas asinantes a ese comunicado non transladaron individualmente o cese de participación na organización. Perante estes graves feitos, a organización encontra vital posicionarse publicamente, realizando un labor de explicación e exposición de diversas cuestións presentes nese escrito, ademais de pór en coñecemento de todas as militantes de Erguer e do público xeral a realidade sucedida nos últimos tempos dentro da organización.


2. Explicación dos sucesos.

a. O caso en 2017
No ano 2017 un militante de Erguer contactou coa Comisión de Garantías da organización, de recente constitución, acusando a outro compañeiro da organización de difamación respecto dunha presunta agresión cometida polo primeiro, ademais doutras faltas de respecto acerca da súa ideoloxía política. Na súa denuncia, fixo constar capturas de pantalla coa presunta vítima nas que se desmentía tal agresión, mais indicando condutas machistas do segundo.
A Comisión de Garantías, dada a súa recente composición e a ausencia de protocolos, actuou de xeito coordenado co Consello Nacional, e nomeadamente, coa Responsábel de Organización daquel entón, decidíndose falar con todas as partes implicadas. Unha vez desenvolta a investigación, o denunciante fixo decaer a súa denuncia por considerar que se trataba de feitos persoais e non organizativos. Este proceso, levouse a cabo en coordinación constante con todos os organismos de Erguer, no cal a responsábel da ANAF, estaba en pleno coñecemento dos feitos e da investigación levada a cabo, pois así o fixo constar o denunciante no seu correo.
Ante a falta de protocolos de actuación neste tipo de situacións e ao non haber unha denuncia firme sobre actuar, esta situación valorouse de xeito consensuado en todos os organismos de Erguer, incluída a propia Comisión de Garantías. Trala retirada das acusacións por parte do primeiro denunciante e ante imposibilidade de acadar máis probas para a investigación e sempre co obxectivo de perservar a intimidade da suposta vítima e evitar en todo momento a súa exposición pública, determínase de xeito conxunto non continuar co proceso.


b. A investigación posterior
O caso exposto no punto anterior foi reaberto a finais do ano 2019, dous anos máis tarde, mediante a activacion do protocolo de actuación ante agresións machistas coa sospeita de mala praxe no seu desenvolvemento. Nesta reapertura participou unha comisión integrada por 5 militantes da AZAF de Compostela baixo os supostos de imparcialidade, mais que non se chegou a comunicar ao global da ANAF nin a ningún outro órgano de Erguer. Nesta comisión vetóuselle a posibilidade de participar a mozas vinculadas actualmente con Galiza Nova, malia ter sido o agresor expulsado deste espazo anos atrás, mais si que se permitiu a participación dunha persoa que partillou militancia política con el.
A investigación desenvolveuse principalmente a través de conversas casuais por redes sociais, chegando a ocultar a persoas investigadas que se estaba abrindo un proceso cara elas e coartando o seu dereito a defensa. Ademais, destas conversas tíranse conclusións subxectivas por parte deste grupo de investigación, dito polas propias integrantes da comisión e constando na propia acta da ANAF, que non chegan a contrastarse e que son a base para a posterior acusación. Esta acusación baseábase na suposta desconvocatoria por parte da Responsábel de Organización da Comisión de Garantías e a súa presunta complicidade, mais demostrouse que quen desconvocou a Comisión de Garantías foi o denunciante e as mensaxes da Responsábel de Organización aos membros da Comisión de Garantías eran puramente informativas.


3. Denuncia ante a Comisión de Garantías.Ante a situación aquí exposta, varias compañeiras pertencentes á ANAF enviaron un escrito á Comisión de Garantías onde poñían de manifesto varias eivas, e solicitaban a súa mediación e a paralización temporal deste proceso mentres non había un pronunciamento firme da propia Comisión, así como poñer esta situación en coñecemento de todas as integrantes da ANAF. Do mesmo xeito, mostraron o seu interese en que a investigación continuase e se afondase. As súas denuncias foron:
– A convocatoria da propia ANAF, feita con moi pouca marxe (menos de 24h de antelación), a pesar de que xa se anunciara que este caso estaba pechado desde o mes de xaneiro.
– A forma de transcorrer da ANAF, relatando diversos ataques cara a elas e denunciando a manipulación do acontecido na acta, figurando intervencións que non se deran nos termos nos que alí aparecían recollidos.
– As carencias da investigación do caso que se tratou na ANAF, manifestando que non se coñece que compañeiras levaron a cabo esta investigación, a falta de datos obxectivos na exposición que se fixo do caso, a omisión de parte da investigación ao non contactar con partes implicadas, e a falta de probas para poder realizar tales acusacións.
– A gravidade de acusar á organización UMG publicamente, das que varias mozas forman parte, sen contrastar a información e en ausencia de probas obxectivas e levando isto ao sinalamento público sen estar a investigación pechada.
– Negación do dereito á defensa ante as acusacións ás participantes de Erguer implicadas no caso, así como o non contrastar coa información ofrecida por compañeiras presentes no momento do caso en cuestión.
As compañeiras asistentes á ANAF que presentaron a denuncia afirman vivir momentos tensos na asemblea a causa das terxiversación das súas verbas, da mesma forma que se reflicte no comunicado asinado por 70 compañeiras. O debate en ningún momento xirou entorno a relación agresor-vítima e as compañeiras denunciantes falaban neses termos á hora de facer preguntas pertinentes, polo que é mentira que cuestionaran a presunción de credibilidade da rapaza.
A maiores desta denuncia, tamén se fai chegar un correo ao Consello Nacional de Erguer por parte da anterior Responsábel da ANAF despois de sentirse interpelada por comentarios nas redes sociais, que se lle reenvía tamén á ANAF e á Comisión de Garantías. Nesa comunicación, dáse conta de como se desenvolvera o proceso do 2017 e ponse unha voz crítica en como estaba a discorrer esta investigación enfatizando a súa falta de garantías.


4. Explicación das dinámicas dentro da Comisión de Garantías.
Dentro da Comisión de Garantías, unha parte maioritaria da mesma insistiu en resolver este caso mantendo a sentenza emitida na ANAF, na que se condenaba a UMG sen ningunha proba obxectiva aportada. Para isto alegouse que non era competencia da Comisión de Garantías cuestionar o traballo do grupo de investigación, malia ser un dos motivos da denuncia interposta ante este organismo.
Tamén se deu conta de que unha das persoas integrante dese grupo de investigación inicial pertencía á Comisión de Garantías e debería deixar de participar por ser incompatíbel por ser parte no proceso; feito que foi desatendido permanecendo esta persoa dentro da Comisión de Garantías deixando de manifesto a falta de neutralidade.
A intencionalidade deste grupo maioritario dentro da Comisión de Garantías foi en todo momento non paralizar de xeito temporal o proceso da ANAF malia as probas aportadas acerca das irregularidades e conclusións erradas na investigación do caso.
Pola contra, a outra parte minoritaria da Comisión de Garantías pulou por iniciar unha nova e única investigación que aclarase o caso e paralizar calquera comunicado público que puidese levar a unha difamación infundada sobre outra organización coa que se partillaba espazo, mais non foi tomada en consideración.
Finalmente a Comisión de Garantías non chegou a conclusión ningunha polo abandono da maioría dos membros e falta de quorum para celebrarse de xeito democrático.


5. ConclusiónDespois de vivir unha situación tan lamentábel coma esta, na que determinadas persoas se adicaron a facer de Erguer un campo de batalla con intereses alleos aos do estudantado galego, faise imprescindíbel que fagamos unha reflexión colectiva, sincera e profunda sobre as dinámicas que a nosa organización leva xa arrastrando anos. Cómpre reflexionar acerca deste tipo de situacións nas que se instrumentaliza unha organización para atender a intereses espúreos, corrompendo os seus órganos de decisión ata niveis como os evidenciados, con obxectivos que se afastan moito dos principios organizativos.
Tamén hai que sinalar o feito de que, ante a posibilidade de continuar realizando estas dinámicas dentro de Erguer, se opte pola vía de realizar un comunicado público que incluso chegan a asinar un número considerable de persoas que non figuran actualmente no censo da organización, ou o feito de que a maior parte delas que non tiveran coñecemento por vías orgánicas do sucedido, o cal demostra non só unha forma de actuar paralela á organización e aos seus organismos, senón que evidencia ademais unha vontade principal de trasladar a toda costa as acusacións formuladas utilizando os principios ideolóxicos como coartada e xustificación para estes ataques orquestrados.
Non é menor tampouco a presión persoal á que moitas das integrantes de Erguer se viron sometidas ao longo destes anos dentro da organización debido a dinámicas tóxicas, partidarias e orquestradas, coma as vividas no día de hoxe, que fan realmente moi difícil facer un traballo en positivo a prol dos dereitos das estudantes galegas. Todas esas cuestións son incompatíbeis cunha organización operativa, sá e que sexa quen de levar a cabo o traballo que as estudantes galegas precisan para combater os recortes nos seus dereitos e loitar por un ensino público, galego, de calidade e non patriarcal.
Que nun contexto coma o actual, no que os dereitos das estudantes galegas están a ser tan agredidos coa suspensión das clases presenciais, Erguer estea totalmente paralizada por procesos internos que responden a vontades alleas ás das estudantes organizadas, é totalmente inadmisíbel. Isto dá mostra de que urxe unha reflexión profunda no seo da organización para poder responder as necesidades do estudantado galego a día de hoxe.

Galiza, a 14 de Abril de 2020

Viva Galiza Ceive e Popular

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará