Este 15 de Abril, folga estudantil contra a privatización do ensino galego!

As estudantes organizadas en Erguer. Estudantes da Galiza levamos anos denunciando a privatización planificada e estratéxica do noso ensino ao servizo dos intereses do capital. Unha privatización que recentemente se acelerou e adoptou unha postura moito máis agresiva e descuberta, reflexo do contexto xeral de ofensiva do capitalismo neoliberal e reforzo das desigualdades sociais en prol dos intereses das elites, da man do poder político actual. Por isto, dende comezos do curso presente, puxemos en marcha unha campaña de denuncia desta situación, pois cómpre dotármonos de ferramentas de análise estrutural e organización para podermos combater e mudar a nosa realidade. 

 

O seguinte paso é a mobilización estudantil, polo que convocamos folga estudantil en todos os niveis de ensino e toda Galiza para o vindeiro mércores, 15 de Abril. Para facer ver a realidade á que nos estamos enfrontando e demostrar que as estudantes galegas exiximos un ensino diferente.

 

No ensino medio, vemos unha clara contradición só posíbel cando responde a intereses políticos e económicos claros. Mentres o ensino público se mantén nunha constante precariedade, a oferta privada e concertada semella non parar de medrar. Por unha banda, néganse e ignóranse as continuas demandas de profesorado e estudantado para garantir un ensino de calidade. Continuamos coas mesmas ratios de estudantes por aula desproporcionadas, falta de profesores (sen aumento na contratación dende 2009) e de recursos nos centros que hai máis de dez anos. Pola outra, curso tras curso danse axudas de todo tipo a centros privados e concertados. Nesta situación, na que hai unha clara estratexia de restrinxir recursos ao sector co fin de provocar unha precariedade artificial e demanda de calidade que o privado viría a cubrir, non nos deben estranar datos como a perda constante de alumnado na pública e peche continuo de centros (7 centros no último ano). Vemos, sen lugar a dúbidas, unha total desatención por parte das institucións a un ensino que cada vez reforza máis claramente a desigualación entre clases: as que sofren un modelo forzado á crise continua, e os que poden pagar polo que debera de ser o mínimo.

 

En canto á Formación Profesional, atopamos nela a mostra máis evidente do modelo educativo polo que aposta a Xunta do Partido Popular. A realidade é a seguinte: co pretexto de especializar a formación das estudantes, entrégaselles ás empresas decisión directa sobre a formación e saídas laborais -en prácticas externas e integración laboral efectiva- das estudantes. Branquéase como un suposto “labor social” a intervención do ensino polos intereses privados, facendo deste unha peza máis do seu sistema de beneficios. Estamos polo tanto ante un modelo utilitarista, co estudantado como un suxeito pasivo. Non se trata de formar verdadeiros profesionais, senón apenas a man de obra barata xusta e necesaria para satisfacer as exixencias do mercado. E incluso así, vemos trazos do mesmo abandono institucional e intento de derrubamento por parte da Xunta de Galicia tan recentemente como este mesmo mes, cando se aprobaba de costas ao profesorado un Decreto Galego de FP no que a intención privatizadora estaba clara: introdución de profesores asociados e fomento dos ciclos acelerados para atender unha vez máis as exixencias das empresas mentres ignoran as de profesores e estudantes. Só así se explica que mentres aumenta a oferta de centros privados, se recorten prazas de estudo presenciais nos ciclos ordinarios ao longo dos centros públicos de todo o país ou atopemos casos como o CIFP Manuel Antonio en Vigo. Un dos maiores centros de FP do país, igual que tantos outros, infrafinanciado e incapaz de acometer obras estruturais e ofrecer un ensino de mínima calidade ás estudantes. O aumento do orzamento da Xunta á FP nos últimos anos (boa parte del a través de axudas da comunidade europea e o Estado) semella non ter efecto se non é para o beneficio de intereses privados.

 

Pola banda das Ensinanzas Artísticas, a miúdo esquecidas e consideradas a efectos de orzamento como institutos de secundaria cando realmente son parte da formación superior, afrontan tamén moitos dos mesmos efectos da privatización. A maiores, tamén se ven prexudicadas unha vez que non están incluídas no Sistema Universitario Galego, o que non permite ás estudantes das mesmas acollerse ás residencias universitarias públicas nin se efectúan planificacións de estudos no marco galego consecuentes con esta oferta. Así é que vemos como mentres medra a oferta privada destes mesmos graos e estudos, o propio sistema público solapa moita da formación deles con graos e mestrados nas universidades. Esta característica de disfuncionalidade pola falta de planificación dos cursos e carreira académica das estudantes, pese a ser máis visible nas artes por verse relegadas a unha certa invisibilidade, está presente en todo o noso modelo. 

 

Respecto da Universidade, vemos outro claro amparo do medre da Universidade Privada por parte da Xunta de Galiza. Alén de diversas escolas privadas, temos en Galiza a Universidade Internacional da Empresa de ABANCA e a Emilia Pardo Bazán de CESUGA, que promete abrir as portas no vindeiro curso. Está claro que ambas medran ao abeiro dun sistema público que por falta de financiamento (lembremos que as tres universidades públicas galegas denuncian non chegar ao 1% do investimento do PIB que a Lei de Universidades demanda) non pode facer fronte ás necesidades das estudantes nin poñer en marcha un modelo universitario verdadeiramente eficaz e adaptado ao que as estudantes galegas precisamos. Ao mesmo tempo, non podemos ignorar que as propias Universidades Públicas están na actualidade comprometidas polos intereses económicos que as controlan interna e externamente. Isto produce contradicións como que se acepte sen contestación a súa propia precarización, retirada de graos e mestrados (como aconteceu co mestrado de Matemáticas na USC) ou o aumento indiscutido de graos na privada que solapan os públicos, o que é ilegal. Así e todo temos un modelo universitario que se afasta cada ano máis dos intereses das clases populares galegas, para volverse plenamente unha peza máis da reprodución social das elites. 

 

Ao mesmo tempo, temos que sinalar outros factores que sen ser estritamente parte do ensino son parte da mesma vaga privatizadora, condicionan e limitan enormemente as estudantes das clases populares e polo tanto debemos ter en conta. A destacar arredor da actual crise de vivenda, a falta de oferta de residencias públicas e accesíbeis, que afecta ao conxunto das universidades galegas, pero co caso salientable do peche do Colexio Maior San Clemente na USC e perda de prazas mentres na mesma cidade se promocianan residencias privadas e os prezos dos alugueiros non deixan de medrar. No caso da Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña a situación non é moi diferente, creando así unha barreira contra as estudantes de clases populares e contribuíndo ao reforzo da elitización do ensino superior. Poderiamos falar igualmente do transporte, por estrada ou ferroviario. Monopolizado o primeiro por Monbús, xestionados ambos inficaz e deficientemente, contribúen á desconexión do noso territorio, dificultade de chegar aos centros de estudo ás clases populares, especialmente no rural.

 

Toda esta crise e desmantelamento que acusa o ensino público galego, de mans dun goberno que o facilita e promove para defender os intereses das elites do sistema, remata cun retroceso e perda de dereitos constantes para as estudantes galegas. Dende o dereito a un ensino de calidade e accesíbel para todas, ao dereito a un ensino que defenda a nosa identidade, a nosa lingua ou o coñecemento da nosa historia e cultura. Temos actualmente, no lugar do ensino que queremos, apenas un mecanismo máis de reprodución social para os poderosos que afasta as clases populares das mesmas oportunidades, que nos coloniza e nega os nosos dereitos nacionais.

 

Así e todo, está claro que as estudantes galegas non podemos aceptar esta situación e temos o deber de organizarnos e loitar contra esta agresión aos nosos dereitos e intereses. É por iso que Erguer.Estudantes da Galiza convoca paro académico completo en todos os centros de ensino de Galiza o vindeiro 15 de Abril. Convocamos tamén mobilizacións nas cidades de Compostela, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ferrol, Lugo e Ourense, sobre as que daremos máis indicacións nas vindeiras xornadas. Buscamos con isto a mobilización e organización de todas as estudantes do noso país para exixirmos xuntas:

 

  1. Unha Lei Galega de Educación, que lle entregue a autodeterminación sobre o modelo de ensino que queremos ao noso pobo. Só nós seremos quen de construír o ensino galego, popular, democrático e inclusivo que Galiza precisa, e isto pasa por unha lexislación que sexa a ferramenta para o facer. Unha deseñada pola comunidade educativa, que rompa con todas as normativas que condicionan e manipulan a educación que recibimos e a fan incompatible coa nosa realidade e as necesidades e intereses das maiorías sociais. Que suprima por completo as taxas universitarias e as restricións académicas no acceso a bolsas e axudas. Que asegure os recursos necesarios ás estudantes de todos os niveis e un ensino de calidade no conxunto do país. Que faga real a representación democratica das estudantes e capacidade de decisión sobre o noso propio ensino. Tamén, que revirta os recortes feitos nos últimos anos que afectaron gravemente ao estudantado con necesidades específicas na aprendizaxe, aos protocolos, mecanismos e garantías contra o acoso ou os abusos de calquera tipo. Para o ensino galego, queremos unha lei galega.

 

  1. A posta en marcha inmediata de medidas que revertan a privatización do noso ensino. O cumprimento da lexislación vixente e detención da expansión das universidades privadas de ABANCA e CESUGA, que solapan a oferta existente na pública. O cumprimento da lexislación en canto a financiamento tanto das universidades como demais niveis de ensino ata as taxas estipuladas por lei. A atención ás demandas do profesorado e demais comunidade educativa, entre as que destacamos a diminución das ratios en institutos e escolas, ampliación dos recursos dos centros públicos e recuperación dos horarios lectivos previos a 2011.

 

  1. A loita contra a crise privatizadora na vivenda e nos transportes para garantir o acceso ao ensino de todas as estudantes. Non só a través de regulación dos prezos de alugueiros e das comunicacións, senón da creación de plans de grande escala que verdadeiramente camiñen cara a resolución destas problemáticas. A ampliación das residencias públicas, a ampliación das bolsas para aquelas con maiores necesidades e a supresión dos criterios académicos e taxas que todos os anos limitan o acceso ao ensino de milleiros de estudantes. A creación de sistemas que garantan calidade e dereitos básicos nos servizos que precisamos, como por exemplo un Sistema Galego de Comedores e Residencias Estudantís. 

 

Para demandarmos, no seu conxunto, unha mudanza total. A ruptura con este sistema que nos oprime e así construír aquel que as estudantes galegas precisamos. Un ensino co que liberarnos, que só nacerá da organización e loita constantes das estudantes e de toda a comunidade educativa galega.

 

Finalmente, Erguer.Estudantes da Galiza disponse totalmente a axudar e informar a todas as estudantes galegas sobre como levar adiante esta xornada de folga e loita nos seus centros de ensino. Por iso, poden contactar con nós a través da nosa páxina web, redes sociais e correo electrónico (erguergaliza@gmail.com).

 

As estudantes de Galiza, organizadas, loitamos contra a privatización!

O 15 de Abril, folga estudantil!

4 comentarios

  1. Estoy a favor de la huelga estudiantil del 15 de abril contra la privatización de la enseñanza en gallego

  2. Hola, necesitaría un documento PDF donde ponga los motivos de la huelga del 15 de abril para entregárselo a mí tutora.
    Gracias de antemano!

  3. Para facer a folga solicítannos un documento dunha convocatoria oficial que non atopo no perfil,non sei se me podedes indicar onde atopala,grazas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *