17M: 100% EN GALEGO

Neste día das Letras Galegas, Erguer. Estudantes da Galiza reclama a total normalización lingüística para realizarmos todas as actividades da nosa vida social, administrativa e, especialmente, estudantil e académica, na nosa lingua. Cómpre protexermos o galego, xa que a nosa lingua é un dos principais trazos da existencia dunha identidade nacional na Galiza. 

 

As últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística (2023), sinalan que só o 28,18% de mocidade galega (15-29 anos) fala sempre ou maioritariamente en galego, e máis dun 15% aclara coñecer “pouco ou nada” a nosa lingua, chegando a duplicarse estes datos na anterior faixa de idade. Esta situación é inexplicábel sen ter en conta a política lingüicida da Xunta do Partido Popular, que dende hai 15 anos ten posto en marcha toda unha serie de medidas e mecanismos para prexudicar o uso do galego e favorecer a castelanización da sociedade. A falta de atención en galego na administración, na sanidade e en todos os servizos públicos, a campaña de derrubamento dos medios de comunicación en galego, a ocultación dos nosos dereitos lingüísticos e da situación actual son só algúns exemplos. Todos parte dun plano ao servizo do interese económico e político para arrincarnos a nosa identidade, para homoxeneizarnos e facernos máis asumíbeis para o réxime e o sistema, para sermos elementos pasivos sen lingua coa que rebelarnos. Un plano que xa fai sentir os seus efectos en todos os eidos das nosas vidas.

 

Mais é no ensino onde atopamos as maiores agresións á nosa lingua. Dende a entrada do PP na Xunta en 2009, con todo tipo de ataques e trabas, fixeron todo o posíbel por exterminar o galego das aulas. No centro da súa estratexia, está o infame Decreto de Plurilingüismo. Baixo o pretexto de favorecer a aprendizaxe de varias linguas entre as estudantes, aplican unha normativa que a efectos prácticos o único que garante é a erradicación do galego das materias de ciencias e tecnoloxía. Isto constitúe unha irregularidade inaudita en calquera país soberano con lingua propia, pois non só o expulsa desas disciplinas, senón que contribúe a  reducir a percepción social sobre ela. Por iso exiximos en primeiro lugar a derrogación do Decreto de Plurilingüismo. Porque con este e outras medidas deixaron as aulas da Galiza coa lingua mutilada. 

 

O ensino do noso país debera ser todo o contrario, o espazo no que ensinar, reforzar e valorizar a nosa lingua. E nós, como estudantes, somos as responsábeis de organizarnos e loitar para conseguilo. Non seremos a xeración que deixe morrer o galego. Precisamos recuperalo en todos os ámbitos como lingua propia que é da Galiza, identidade e orgullo do noso pobo; patrimonio que nos pertence. Nas rúas, nas aulas, nos espazos públicos, nas festas, en todo lugar e en todo momento debemos dar unha loita contra aqueles que queren facelo desaparecer. Empregar o galego en todos os ámbitos da nosa vida. 

 

E nesa loita, sabemos que o modelo de ensino será chave. Por iso debemos pular por un sistema que garanta o ensino en galego para todas. Na situación socio-lingüística actual, recuperar a nosa lingua parte por comprender que tamén quen non o fala ten o dereito de exixir a súa aprendizaxe, que o seu uso non pode ser minusvalorado ou desprezado en ningún caso e que as aulas e centros de ensino deben ser espazos que promovan o uso do galego en todo momento. 

 

Camiñar cara a recuperación da nosa lingua require organización e un traballo colectivo constante. Loitar fronte ao desleixo das institucións e a agresión dos que nos queren roubar a nosa lingua. Así, este 17 de maio chamamos a todas as estudantes galegas a participar na mobilización convocada pola Plataforma Queremos Galego, ás 12:00 na Alameda de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *