MARCHA POLO ENSINO PÚBLICO

O martes 27 de xuño ás 11:30 horas diante da Consellaría de Educación en Compostela.

Promovemos unha marcha en defensa do ensino público esixindo menos ratios, mellores horarios docentes, educación presencial, atención á diversidade, cero peches de aulas…

As políticas do PP na Consellaría de Educación manteñen un camiño que dirixe o ensino público cara unha maior privatización, á progresiva redución da presencialidade nas ensinanzas de FP e para persoas adultas, á negativa a negociar melloras nas condicións laborais do profesorado ou a non dar todo o apoio preciso á diversidade nas nosas aulas mentres se pechan aulas e non moven un dedo para reducir ratios.

As organizacións convocantes, desde o sindicalismo docente e estudantil ao asociacionismo das familias nos centros educativos, levamos tempo demandando un cambio de rumbo e a necesidade de reforzar o ensino público. Recentemente insistimos na necesidade de facer fronte aos continuos ataques ao ensino público.

As previsións de peche de aulas en infantil e primaria polo descenso da matrícula, as decisións de expulsar unha parte do alumnado da FP presencial e dirixilo á oferta privada que promocionan sen escrúpulos son só novos ataques a un ensino que precisa que manteñamos a protesta e reaccionemos colectivamente.

Reaccionemos fronte as políticas educativas destes últimos anos, marcadas pola redución de profesorado e a negativa a reducir as ratios, provocando o peche de unidades e os agrupamentos de aulas de diferentes niveis educativos nas zonas rurais e aulas masificadas nos ámbitos urbanos.

Reaccionemos fronte a uns horarios que dificultan, se non impiden, a coordinación entre o profesorado e o tratamento da diversidade nas nosas aulas e que nos colocan no furgón de cola do estado.

Reaccionemos fronte á privatización e á aposta pola oferta a distancia fronte á presencialidade esencial no proceso de ensino aprendizaxe.

Desde CIG-Ensino, Anpas Galegas e Erguer, entidades integrantes da PLATAFORMA GALEGA EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO, chamamos a participar na MARCHA POLO ENSINO PÚBLICO que terá lugar o 27 de xuño ás 11:30 diante á Consellaría de Educación para trasladar o que sente toda a comunidade educativa (familias, alumnado e profesorado) e que resumimos nos eixos que debe conter un Plan para a mellora do ensino público.

O plan de mellora que propomos desde a CIG-Ensino, ANPAS Galegas e Erguer debe abordar, con carácter inmediato, as seguintes cuestións:

• Non ao peche de unidades e elaboración dun plan específico de apoio á educación no medio rural, na liña do presentado por ANPAS galegas recentemente en varias localidades do país: asumir o compromiso de non pechar aulas no curso 2023/24 nin de promover novos agrupamentos de aulas de diferentes niveis e negociación de medidas específicas que promovan a continuidade e a mellora dos servizos educativos nos concellos rurais.

Redución de ratios de alumnado por aula. Negociar unha redución con carácter xeral das ratios en todas as etapas educativas, como xa veñen de facer case todas as CCAA, e promover, con carácter inmediato, desdobres en todos os niveis que permitan unha mellor atención educativa. Así mesmo, facilitar a implantación de PDC e ciclos de FP básica por todo o territorio, segundo a demanda dos centros educativos.

Redución de alumnado por docente. A mellora na práctica docente pasa por reducir o número de alumnado ao que cada profesora ou profesor ten que impartir docencia.

Redución do horario lectivo do profesorado. Galiza é, xunto con Madrid e Murcia, a única administración autonómica que non regulou a recuperación de horarios lectivos previos aos importantes recortes dos gobernos de Rajoy e Feijóo, que implicaron un claro deterioro nas condicións de traballo docentes e a falta de tempo para o realmente importante: a preparación das clases e a atención directa ao alumnado na aula.

Melloras pedagóxicas e redución da burocracia. A burocracia debe deixar de ser un dos elementos que máis lastran a práctica docente, primando a coordinación pedagóxica e a participación de toda a comunidade educativa nas actividades que organizan os centros fronte a procesos de estandarización que están nas antípodas dun ensino transformador.

• A atención á diversidade, no centro da política educativa. Familias, alumnado e profesorado precisan dun aumento de recursos destinados a facer da inclusión non un mero lema senón unha realidade con todos os recursos. Formación específica, incremento de apoios docentes e maior dotación orzamentaria son elementos imprescindíbeis para que unhas aulas cada vez máis heteroxéneas e complexas poidan ter as mellores condicións para non deixar ninguén atrás, promover a educación en valores democráticos e atender a estabilidade emocional do alumnado.

Mantemento da presencialidade en todas as ensinanzas, anulando a supresión ou transformación en modalidade a distancia dos ciclos FP en oferta ordinaria e modular e retirando o Anteproxecto de Lei para a aprendizaxe ao longo da vida adulta que prevé centrar estas ensinanzas na modalidade a distancia, reducindo paulatinamente a oferta presencial en institutos e centros de adultos.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará