2 de maio, Día Mundial de Loita contra o Bullying

Hoxe, día 2 de maio, é o Día Mundial de Loita contra o Bullying. Os estudos móstrannos que o 78% da mocidade que se quita a vida foi previamente vítima de acoso escolar. Dentro desa porcentaxe, o acoso padéceno tanto de xeito presencial, nas aulas, como a través das diversas redes sociais.
O bullying dáse en moitas formas, acoso físico, verbal ou psicolóxico. Case todas as persoas padecemos algún tipo de acoso ao longo da nosa vida, pero cando na idade adolescente é algo moito máis frecuente e continuado.
Todas somos conscientes de que isto está acontecendo, a aparición de noticias sobre este gran problema é constante, e non podemos virarlle a cara a esa realidade. Atopámonos con casos de acoso por parte de profesionais da educación, como Luciano Méndez na USC, con casos de acoso entre o estudantado, e con outras situacións nos máis variados contextos.
Cabe destacar a discriminación, acoso e agresión por cuestión de machismo, xenofobia e LGTBIfobia. A metade das denuncias de bullying que se presentan na Valedora do Pobo son por homofobia e transfobia. Isto é de grande importancia, pois nestas idades é xusto onde unha comeza a construír a súa identidade, e este continuo acoso crea problemáticas moi graves e complexas na vida das estudantes.
Desde Erguer. Estudantes da Galiza esiximos á Xunta de Galiza recursos suficientes para a prevención do bullying e a sensibilización desde curtas idades, acompañados dunha reformulación e mellora dos plans que actualmente se aplican nos centros de ensino. Cómpre tamén acompañalos dunha formación en igualdade e que rache cos estereotipos impostos pola sociedade patriarcal e heteronormativa. Ofrecemos, aliás, a nosa colaboración a todas as estudantes e centros de ensino do país na loita contra o acoso escolar e na concienciación da mocidade.

COMPARTIR/PARTILHARShare on Facebook
Facebook
Tweet about this on Twitter
Twitter

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *