20 de Outubro, referendo contra a LOMCE
Esta mañá, Erguer. Estudantes da Galiza presentou unha nova campaña para denunciar a situación que estamos a sufrir as estudantes neste inicio de curso coa implantación da LOMCE, unha lei imposta unilateralmente polo Partido Popular e deseñada de costas á comunidade educativa e á realidade galega.
Xa no pasado curso puidemos ver como o profesorado e as familias berraron alto e claro que non queren LOMCE ao rexistrarse un 80% de abstención nas reválidas de 3º e 6º de Primaria. As estudantes, pola nosa parte, tivemos unha xornada de folga contra a LOMCE e o 3+2 o pasado 13 de abril que foi secundada en 18 mobilizacións convocadas por Erguer. Estudantes da Galiza en vilas de todo o País.
Co comezo do curso 2016-2017, a situación no ensino medio non fixo máis que agravarse: este ano o estudantado de Secundaria e Bacharelato terá que someterse tamén ás reválidas, e a esta altura aínda descoñecemos os criterios de avaliación e o modelo que seguirán estas probas. No caso do Bacharelato, descoñécese mesmo que materias serán obxecto de examinación, xa que a LOMCE contempla que algunhas materias de 1º tamén entren nestas probas, e non só de 2º, como acontecía coa Selectividade. Non podemos permitir que o noso futuro penda de tal fío de incerteza.
Ademais, a chegada da LOMCE vén parella ao cómputo da materia de Relixión para a media, á mingua de horas impartidas en galego co aumento de tempo lectivo de materias que está prohibido impartir no noso idioma ou á recentralización de competencias para o goberno do Estado.
Son estas e moitas máis as razóns polas que saímos á rúa o pasado 13 de abril, demostrando claramente que o estudantado se opón á LOMCE. Porén, desta volta queremos deixalo aínda máis claro e achegar os datos con aínda máis contundencia: o próximo xoves 20 de outubro farémoslle ao estudantado galego a consulta que a Xunta de Galiza nunca lle fixo antes de aplicar a LOMCE no noso país seguindo a pés xuntiñas os ditames de Madrid. Este 20 de outubro Erguer. Estudantes da Galiza estará en máis de 30 centros de ensino medio de 20 comarcas do País realizando un referendo no que o estudantado terá a oportunidade de votar “si” ou “non” á LOMCE. Demostraremos cal é a opinión real do colectivo máis afectado por unha lei cociñada co gran capital e sen ternos en conta: este 20 de outubro, a voz do estudantado escoitarase nas urnas e non dubidamos que dirá “non” á LOMCE.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira