25 de novembro. Día Internacional para a Eliminación da Violencia Contra a Muller.

Violencias machistas ás que estamos sometidas as estudantes.

Todas as mulleres sufrimos a violencia machista. Poderiamos dicir que é unha conseqüencia inerente á condición de muller. Non somos 3 de cada 10, nin as 1.355 denunciantes do primeiro semestre do ano; somos todas e cada unha de nós sendo violentadas por quen, polo seu xénero, se acha nunha situación de superioridade social. Esta violencia está normalizada, prodúcese en calquera espazo da nosa vida diaria, mais son aqueles ámbitos que estructuran máis e mellor as relacións de poder os que facilitan a súa reproducción e perdurabilidade, e un deles son as institución académicas.

 

Todo tipo de conductas machistas sufrimos as mulleres nos nosos centros de estudos por parte de profesores e compañeiros de aulas. Con manifestacións que van desde a violencia simbólica, con actitudes que reproducen os roles de xénero no recreo ou no ximnasio, o mainsplaining dentro das aulas, ou comentarios vexatorios que condenan a condición de muller da estudante, como ela vieste, etc. A respeito disto, ainda temos recente o caso de Luciano Méndez, que denunciamos por ter cuspido comentarios machistas contra unha alumna por como esta vestía.

 

Cabe sinalar, como método demasiado común de vexación ás rapazas, a chantaxe ante a difusión de conversas, fotos e/ou vídeos de carácter sexual e polos que elas rematan por ser acosadas por outros compañeiros e outras compañeiras, cargando coa responsabilidade por ter dito ou enviado certas cousas e coa vergoña e linchamento social polo feito en si.Ante estes casos, a prevención recae, de novo, na responsabilidade delas fronte á dos difusores e a protección non sempre chega por parte do centro ou da familia, deixando unha vez mais que sobre a vítima se verta a culpa.

 

Outro tipo de actitudes que acostuman a facerse sonadas son as de violencia física. Xa non sería a primeira vez que no noso país se dan casos de abuso sexual sen que o centro considerase consluintes as probas contra os agresores e estes fican impunes mentres ela é tratada de tola, en moitas ocasións sufrindo vendettas por parte dos propios denunciados.

 

Do mesmo xeito, outros casos de sexismo, aínda que neste caso non exclusivamente dirixido às mulleres, son os casos de homofobia. Só temos que lembrar ao profesor de maxisterio Domingo Neira, denunciado no ano académico 2013-2014 por comentarios como “non se lles pode permitir a parellas do mesmo sexo adoptar, xa que lle pasarían o seu mal aos seus fillos” ou “as mulleres lesbianas teñen un cromosoma XXX”, o que explicaría “o seu comportamento non normal”. Este docente que, por se fose pouco, exercía en Ciencias da Educación, foi suspenso de emprego e de parte do soldo no que ficava de ano. Porén, voltou à USC no seguinte e novamente, as que fomos duramente reprimidas fomos as estudantes que nos enfrentamos a el.

 

Por outro lado, están as agresións levadas a cabo aprobeitando a contorna dos centros de estudos, ou do campus universitário, así como en zonas onde as estudantes residen. Atopámonos cunha situación pola que se nos fai ás mulleres ter que tomar precaucións e ser controladas polas familias, restrinxindo horarios, sendo determinadas prendas de vestir condenadas por considerárense “provocadoras”, obrigándonos a vivir con acompañante… Esta situación agrávase cando acontece preto de nós e todo isto non fai senón medrar, en detrimento da nosa liberdade e facéndonos temerosas e responsábeis das agresións deles.

 

Unha constante preocupante arredor de todos os casos que poidamos exemplificar, son as numerosas veces nas que os centros de estudo non teñen unha actuación concreta tanto para sancionar aos agresores como para impedir que acontezan. E non podemos deixar de pensar que ese abandono de responsabilidades é intencional, pois tendo en conta a frecuencia destas, a ausencia dun protocolo, estabelecido polos órganos de goberno académicos, é sangrante. Mais a situación reflicte ben quen tén unha chave valiosísima para combater a violencia machista contra as estudantes e que intereses lle impiden utilizala.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará