9 de marzo, Folga Estudantil

Tras o éxito da folga estudantil do pasado 16 de febreiro, as estudantes galegas debemos saír de novo ás rúas, sumándonos á folga xeral no ensino e reclamando un ensino público ao servizo dos intereses e necesidades do noso país. Mobilízate con Erguer!

Non podemos renunciar á mobilización mentres a LOMCE siga vixente, as reválidas adiadas e o Decreto do 3+2 en camiño de comezar a ser aplicado. Mentres continúen o desmantelamento e os recortes no ensino público ao tempo que se subvenciona o privado, cada vez máis potenciado malia estar fóra do alcance da maioría de estudantes, seguiremos saíndo ás rúas para reclamarmos un ensino accesíbel para todas.

Tampouco podemos aceptar que a LOMCE sexa substituída por un pacto de educación entre as forzas políticas estatais que, de novo, se realice de costas á comunidade educativa galega e á realidade diferenciada do noso ensino. Un pacto que perpetúe os principios de privatización, confesionalidade e españolización da educación é totalmente inaceptábel. Precisamos unha lei galega de educación que dea plenas competencias á Xunta e que se fundamente na base da construción dun ensino pedagóxico e que pule pola igualdade de oportunidades e a avaliación continua.

As estudantes queremos ter voz na construción do ensino galego para así rexeitarmos aquelas medidas impopulares que se aplican en contra dos nosos intereses, como o Decreto do 3+2, que supón un encarecemento enorme dos estudos universitarios, impedindo que moitas estudantes poidan permitirse acceder a eles.

É por isto e moitos máis motivos que te animamos a sumarte a Erguer nas rúas este 9 de marzo, xunto co resto da comunidade educativa galega, nas seguintes mobilizacións:

MANIFESTACIÓNS ÁS 11:30 EN:
A Coruña – Praza de Vigo
Compostela – Alameda
Ferrol – Edificio da Xunta
Lugo – Praza do Seminario
Ourense – Subdelegación do Goberno
Pontevedra – Praza da Peregrina
Ribeira – IES Nº1
Vigo – Praza América.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará