94% DE VOTOS A FAVOR DUNHA LEI GALEGA DE EDUCACIÓN
No referendo que organizamos desde Erguer nestes meses en 70 centros de ensino medio e universitario dunha ducia de comarcas do país obtivemos unha moi alta participación, de máis de 8000 estudantes. A pregunta que se sometía a votación, “Consideras que precisamos unha alternativa á LOMCE, ao Plan Boloña e ao 3+2 en forma de Lei Galega de Educación?”, recibiu unha abafadora porcentaxe de 94% de votos afirmativos, fronte ao 4,5% negativo e o 2,5% en branco ou nulo.
Estes esmagadores resultados demostran que cando o estudantado participa na proposta de alternativas para a construción doutro modelo de ensino, como aconteceu nas múltiples asembleas abertas que Erguer organizou antes do referendo, podemos ver claramente que as nosas ideas para mellorar o sistema educativo se contan por ducias, e que é hora de que se encete un proceso participativo de toda a comunidade educativa galega para poñelas sobre o papel e avanzar cara a un modelo pedagóxico, inclusivo, democrático e pensado por e para o país.
Desde Erguer, coa folga que convocamos para este xoves 16 de novembro no ensino secundario e universitario, baixo o lema “Nin LOMCE nin pacto entre elites. Por unha Lei Galega de Educación”, queremos recuperar ese debate. Parece estar desterrado da axenda política, coa Subcomisión do Congreso sen sequera reunirse e con toda a polémica que xerou a LOMCE agochada, como se a suspensión das reválidas arranxase o grande problema de fondo que esta lei formula. O grande éxito do referendo organizado por Erguer demostra que o estudantado si identifica ese problema estrutural e que quere organizarse para procurar unha alternativa. A folga estudantil deste xoves será a contestación nas rúas do que máis de 8 000 estudantes xa dixeron nas urnas: que precisamos un cambio radical de modelo educativo e que a solución é unha Lei Galega de Educación.
Erguer. Estudantes da Galiza convoca mobilizacións no día da folga ás 12 da mañá nas sete cidades galegas e ademais en Moaña, Cangas do Morrazo, Vilagarcía de Arousa, Lalín, Melide e Ribeira.
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira