Apoiamos a mobilización do CEIP Igrexa de Chapela
As estudantes e as familias do colexio de educación primaria Igrexa, na parroquia de Chapela (Concello de Redondela), están a vivir unha situación de incertidumbre co futuro do seu centro e da situación das crianzas. O colexio está situado no medio das obras de ampliación dos carrís da AP9, un feito que semella non lle importa á empresa que conseguíu o convenio das obras, Audasa. A calidade do ensino neste curso 2016/2017 neste centro vese gravemente perxudicada polos ruídos que as obras provocan a poucos metros.
Esta empresa comprometeuse a construír un novo colexio, xa que precisan parte do terreo onde actualmente está o Igrexa. Para poder seguir con este proxecto e tirar abaixo o centro, a empresa ten que recalificar o terreo co visto bo da Xunta, cousa que aínda non conseguíu. Se non o fai antes do 2021, a empresa deixará de ter responsabilidades na construción do novo colexio, é dicir, non terán que pagar o novo centro.
A situación das familias víuse gravemente empeorada porque a empresa quere comezar xa coas obras e, por tanto, pretenden tirar abaixo parte do centro para poder seguir coa ampliación dos carrís da autoestrada. De novo, a empresa non conta co dano que se lles faría ás crianzas que están a seguir coas súas aulas. Con este anuncio, Audasa ten previsto tirar abaixo parte do colexio e levando por diante as caldeiras e unha aula, após unha reestruturación do colexio que non chegaría a manter a calidade do ensino destas estudantes.
A Asociación Veciñal de Chapela convocou unha xornada de manifestación para o día 17 de febreiro coa que seguir coa presión social para que os dereitos das familias estean protexidos e a calidade da educación das crianzas non sexa perxudicada. A manifestación sairá ás 19h desde a rotonda da entrada da autoestrada en Rande e rematará no colexio Igrexa. Desde Erguer. Estudantes da Galiza animamos á participación desta protesta e apoiamos publicamente aos axentes que defenden os dereitos a unha educación pública de calidade. Recollemos os lemas da manifestación:
NON MÁIS PROMESAS, QUEREMOS FEITOS!
NOVO COLEXIO IGREXA XA!
NON Á APERTURA DO NOVO CARRIL ATÉ QUE SE CONSTRÚA O COLEXIO!
POLA DIGNIDADE DE CHAPELA SOLICITAMOS A TÚA ASISTENCIA !
Aínda non hai comentarios
Por que non ser a primeira