As estudantes galegas contra a violencia machista

Como cada 25 de novembro, data sinalada polo Dia Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, berramos na rúa, nas aulas e nas redes que non podemos esquecer a todas as vítimas da violencia machista, unha violencia sistemática exercida por unha sociedade que baixo unha cultura, valores e tradicións patriarcais, son lexitimadas por un estado cómplice que segue vulnerando os dereitos humanos das mulleres e mozas do noso país e de todos os territorios.

Unha violencia presente en tódolos espazos, incluíndo ao académico, que reforza esta educación patriarcal creando un espazo non seguro para todas as estudantes.

Un espazo na que a xerarquía masculina predomina e reproduce os roles de xénero estereotipados. As mulleres somos silenciadas na educación, en cada materia impartida, e cada historia contada, combinadas cunha linguaxe sexista e excluinte para todas nós.

Ademais as aulas e tódolos espazos estudantís perpetúan a violencia exercida sobre todas as estudantes, tales coma acoso, vexacións, abusos sexuais, violencia física e psicolóxica ante a pasividade dos centros e das persoas ao cargo destes, que moi lonxe de educar aos estudantes en igualdade e respecto, permiten e agochan estas violencias sen tomar as medidas pertinentes de condenar tales violencias e protección das vítimas e de tódalas mulleres.

Ante esta pasividade de todas e todos os responsables as mulleres vémonos na obriga de organizarnos para a autodefensa feminista e con sororidade, ser cada día superviventes do patriarcado, para non ficar abandonadas, violentadas e asasinadas día tras día.

Desde Erguer, Estudantes da Galiza, reivindicamos colectivamente co resto de denuncias do movemento feminista que non ficaremos caladas mentres unha soa muller teña medo polo feito de selo. Polas 3 mulleres mortas por violencia de xénero no noso país e polos milleiros de nós que sufrimos esta violencia como forma de vida.
Hoxe repetimos: o feminismo debe ser o motor fundamental non só da sociedade e das institucións, senón tamén a educación que cunha perspectiva de xénero eduque para que toda relación entre mulleres e homes non sexa un risco para a supervivencia delas.
Por unha Galiza ceive, socialista e feminista, destruamos o Patriarcado.

COMPARTIR/PARTILHARShare on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on google
Google

Aínda non hai comentarios

Por que non ser a primeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará